Estado de alarma: Sen faixas horarias até 10.000 habitantes

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, canda o seu ministro de Sanidade, Salvador Illa (Moncloa)

A partir desta segunda feira, 18 de maio, esténdese a exención de horarios na fase 1 para paseos segundo horarios, que até agora só funcionaba en núcleos de menos de 5.000 habitantes.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comunicou neste domingo, 17 de maio, aos presidentes autonómicos que desde esta segunda feira, 18 de maio, a exención de horarios para paseos por faixas de idade que xa funciona até o momento nas localidades de menos de 5.000 habitantes na fase 1 estenderanse aos municipios de até 10.000 habitantes.

Deste modo, un maior número de cidadás e cidadáns residentes nestes municipios poderán saír facer deporte dentro do seu municipio e a pasear durante unha hora sen teren que someterse aos horarios até agora estabelecidos, que reservan momentos determinados do día en función da idade co fin de reservar espazo para persoas maiores de 70 anos ou saídas con crianzas menores de 14.

Esta foi unha das novidades que anunciou Sánchez na habitual xuntanza de domingo cos presidentes das comunidade autónomas para analizar os efectos da pandemia do coronavirus e para abordar, entre outros asuntos, os avances no desconfinamiento dos distintos territorios. Tamén os informou da súa decisión de solicitar ao Congreso a prórroga do estado de alarma de "arredor dun mes", en lugar dos 15 días habituais.