Feixoo non descarta fechar Galiza en Semana Santa pero aposta nunha mobilidade interna “alta”

Feixoo após o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta sostén, en todo caso, que queda “moitísimo” tempo até os festivos e que non hai que “precipitarse” á hora de decidir as medidas de actuación. A reunión de todos os territorios remata co acordo de manter o toque de recoller.

A Semana Santa aínda queda lonxe, segundo a perspectiva do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que hoxe remarcou que falta “moitísimo”, mais todas as Administracións comezan a pensar o seu plan para controlar o incremento dos contaxios da Covid-19 e unha posíbel cuarta onda.

Neste sentido, o líder do Executivo galego recoñeceu que non descarta ter que estabelecer un fechamento total da Galiza e considera que non debe “precipitarse” a decisión agora mesmo. “Un mes nunha pandemia é un tempo enorme para facer predicións”, sinalou.

No entanto, insta a chegar a un acordo a nivel do Estado español para que non se detecten “tensións” entre autonomías.

Malia a idea de poder fechar fronteiras, Feixoo non é favorábel á proposta do Ministerio de Sanidade que non deixaría aos estudantes universitarios regresar á casa para os festivos.

Non imos apoiar a proposta. Parécenos excesiva e desproporcionada. Se se queren estabelecer mecanismos de control, levamos tempo insistindo en que se fagan PCR en aeroportos e estacións de ferrocarril”, remarcou, ofrecendo a colaboración da Xunta se o Goberno do Estado “non ten capacidade”.

De feito, aínda que se chegue a impedir a entrada e saída doutras zonas se fai falla recorrer á “prudencia”, aposta nunha mobilidade interna “ampla, senón total” se as cifras continúan a mellorar.

Se ben é certo que hai certa inmunidade comprobada nalgunhas persoas que xa pasaron o coronavirus ou que foron vacinadas, “abandonar a prudencia sería un erro”. De feito, alude á aparición de novas cepas que poden volver a incrementar os contaxios.

No primeiro acordo da Comisión de Saúde Pública, que transcendeu esta tarde, todos os territorios coincidiron no fechamento e en manter o toque de recoller de 22 a 06 horas, pero podería haber cambios no futuro. Ao igual que respecto das estudantes, sobre as que non houbo acordo. Estas medidas deben ser retificadas a próxima cuarta geira no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).

No entanto, hai escasos momentos a Consellaría de Sanidade anunciou que elevará unha queixa formal ao ministerio por fornecer aos medios de comunicación datos sobre un encontro de traballo no que, di, non se chegou a ningunha proposta fechada.