domingo 11/04/21

Ayuso resístese a fechar Madrid na Semana Santa

"En principio, a rexión non fecha", informou a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, en relación á Semana Santa. Varios Gobernos autónomos xa reaccionaron ás súas declaracións chamando a evitar a mobilidade entre comunidades nas vacacións e pór así freo á posibilidade dun novo incremento de contaxios. 
A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, mantén aberta a rexión (Foto; R.Rubio / Europa Press)
A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, mantén aberta a rexión (Foto: R.Rubio / Europa Press)

O Consello Interterritorial de Sanidade, no que participan os Gobernos autonómicos e o estatal, non alcanzou esta cuarta feira, 3 de marzo, un acordo sobre as restricións para a Semana Santa e emprazou á Comisión de Saúde Pública a realizar unha proposta de accións coordinadas que se presentarán no Consello da semana que vén.

Case todas as comunidades desbotan "salvar" a Semana Santa para evitar un incremento dos contaxios durante a vacinación, e optan por manter fechadas as comunidades de cara a evitar a entrada de turistas e visitantes a segundas residencias. 

Mais a posición non é unánime. A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), xa advertiu antes de reunirse o Consello Interterritorial, que non é partidaria "a priori de fechar Madrid" e asegurou que "abrir ou cerrar unha comunidade non provoca máis ondas". O vicepresidente madrileño, Ignacio Aguado (Cs), apostilou que sería partidario, canda menos, de que as persoas vacinadas si se puidesen mover entre comunidades.

Pola súa banda, o president da Generalitat valenciana, Ximo Puig (PSOE), quere organizar un armazón fronte Ayuso, e xa se puxo en contacto con todos os presidentes das comunidades limítrofes -Balears, Aragón, Murcia, Castela-A Mancha e Catalunya- para "acordar unha posición conxunta de limitar a mobilidade" nas vacacións. Madrid segue aberta, mais na práctica está fechada, ao todas as comunidades que a rodean manter o cerre perimetral.  

Corentena de viaxeiros

O Ministerio de Sanidade ampliou o número de países na lista que estabelece que persoas viaxeiras deben gardar corentena obrigatoria ao chegar ao Estado español, co obxectivo de controlar a expansión das variantes surafricana e brasileira. Así, deberán someterse a corentena as persoas procedentes de aeroportos do Brasil, Suráfrica, Botsuana, Unión de Comoras, Ghana, Quenia, Mozambique, Tanzania, Zambia, Zimbabwe, Perú e Colombia. As e os viaxeiros destes países deberán permanecer en illamento os dez días seguintes á súa chegada.

comentarios