Feixoo insiste na desescalada: “Pouco ou moito” mais haberá levantamento de restricións

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios ao remate do Consello da Xunta (Foto: Arxina)

A decisión adoptarase esta segunda feira, 15 de febreiro, no Comité clínico. En calquera caso, a Xunta advirte que non se rebaixarán de forma amplia as limitacións. O presidente insiste en acusar á hostalaría da maioría dos contaxios, pois vincula a baixada destes ao fechamento dos negocios.

Núñez Feixoo teima na desescalada. As reticencias do conselleiro de Sanidade a abordar agora esa desescalada (“non é prudente”, apuntou) semellan que non interfiren na vontade do presidente da Xunta

Feixoo afirmou hoxe que a vindeira segunda feira, día 15 de febreiro, o Goberno galego anunciará, após a reunión do Comité clínico, se son "poucos ou moitos" os levantamentos das restricións en vigor para facer fronte aos contaxios da covid-19.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, se ben recoñeceu que aínda non se poderá volver "en ningún caso a situacións anteriores", considerou que "se Galiza evoluciona ben" poderase facer unha "apertura gradual, prudente e acorde á situación epidemiolóxica".

Acusar á hostalaría

En principio, estas medidas de alivio non afectarían a hostalaría. Ademais, advertiu de que "en ningún caso" se poderá volver "a situacións anteriores" cunha rebaixa moi grande das prohibicións.

En concreto, respecto do sector danado ao que afirmou "admirar" -a pesar de preocuparse porque a sentenza xudicial de Euskadi é un precedente que implica "un problema de seguridade xurídica"-, insistiu en implicalo na expansión do virus. "Ou a maioría dos dirixentes políticos europeos están errados ou, lamentabelmente, é un sector crítico na traslación" da enfermidade, apuntou.

"Se se fixan nas decisións que tomamos o 13 e o 26 de xaneiro, o fundamental foi o fechamento da hostalaría", remarcou, aludindo á posterior baixada da taxa de incidencia dos contaxios.

Un horizonte máis sinxelo en maio

Malia as posíbeis decisións que aumenten a mobilidade, explicou que o obxectivo é "manter unha incidencia baixa nos próximos tres meses" para continuar coa vacinación e chegar ao grupo de idade superior aos 80 anos.

"Temos que non fallar até principios do mes de maio porque xogamos con moitas vidas", resumiu.