Esta segunda feira, 13 de abril, celébrase o Día Mundial da Atención Primaria nun contexto, o da pandemia da COVID-19, onde os profesionais médicos salientan aínda máis a necesidade de que este servizo sexa o máis forte posíbel.
Neste sentido, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública afirma que "é o recurso sanitario fundamental para garantir unha atención de saúde universal, accesíbel, continuada e equitativa a toda a poboación".
Nun comunicado emitido co gallo desta xornada, a asociación destaca que a Atención Primaria en situacións de emerxencia sanitaria como a actual é "esencial" para "identificar a poboación de risco", "evitar novos contaxios", "tratar as persoas afectadas nos seus domicilios", "evitar traslados innecesarios", "informar a poboación", "evitar os colapsos e os riscos de acudir aos centros" e "tratar outras patoloxías que continúan afectando as persoas".
"Campaña de descrédito"
Nestes días, a nivel de de todo o Estado, atendéronse mais dun millón de demandas asistenciais, din desde a asociación, que alerta de que os feches de centros de saúde oculten unha "nova tentativa" de privatizar este nivel asistencial.
Ademais, denuncian que "desde diferentes ámbitos políticos e sanitarios", púxose en marcha unha "intensa campaña" destinada a "desacreditar" o sistema sanitario público.
Ao respecto, agardan que o "apoio manifestado diariamente con aplausos e outras mostras de recoñecemento", permita impulsar despois da pandemia medidas para "recuperar os recursos recortados por [o presidente da Xunta, Alberto] Núñez Feixoo".
"Incumprimento legal"
Segundo Xosé Dios, médico de Atención Primaria no centro de saúde de Outes e membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, produciuse un "desmantelamento sistemático desde a chegada do Goberno de Feixoo".
"Cinco días despois de tomar posesión eliminou o Plan Galego de Mellora da Atención Primaria, que estaba acordado entre todos os sindicatos, partidos, asociacións profesionais e científicas", apunta.
Un programa elaborado co Goberno bipartito (PSOE-BNG, 2005-2009) onde "todo aquel que quixo participar participou" e que "facía fincapé no tema profesional, de material, novos centros de saúde que facían falla…".
"Feixoo eliminouno aos cinco días malia as normas que obrigan os Gobernos a cumprir o xa acordado", engade, e "posteriormente, fóronse retirando orzamentos ano tras ano de Atención Primaria ─de aí os conflitos, tanto de Vigo como en Compostela, e as folgas─", conclúe.