Feixoo descarta o confinamento total pero prevé novas restricións á hostalaría

Mozos na terraza dun bar en Lugo durante o Nadal (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O presidente da Xunta non contempla necesario un confinamento como o de marzo para frear o avance do virus pero si prevé que na tarde deste 8 de xaneiro se anuncien restricións á hostalaría [EN AMPLIACIÓN]

A Xunta descarta polo de agora decretar o confinamento xeral para a poboación ante a chegada da terceira onda do coronavirus que si provocará novas restricións para os negocios da hostalaría, que recuperaron certa normalidade durante o pasado mes de decembro tras permanecer pechados durante o mes de novembro en boa parte do territorio.

Así o avanzou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, nun acto realizado no Milladoiro (Ames) antes de que iniciase a reunión do comité clínico que na tarde desta sexta anunciará novas medidas para conter a crise sanitaria ante o empeoramento da evolución epidemiolóxica e a presión sobre os hospitais.

Segundo concretou Feixoo, que subliñou a necesidade de "escoitar" as e os expertos que compoñen o comité clínico, na reunión non estará sobre a mesa decretar o confinamento con carácter xeral para toda a poboación como xa impuxeron algúns países da Unión Europea. Tampouco haberá cambios no recoller obrigatorio, que se manterá ás 23 horas.

“Non imos confinar a poboación na Galiza porque non é necesario desde o punto de vista epidemiolóxico", sentenciou o mandatario, que, con todo, si apelou as galegas e galegos para limitar as súas saídas ao exterior na medida do posíbel.
"Canto máis tempo estean na casa, mellor para eles e para a sociedade", engadiu o presidente antes de avanzar que o comité de expertos da Xunta si prepara restricións para os negocios de hostalaría.

Unhas medidas que se estudarían por concellos e en función da incidencia acumulada a 14, 7 e 3 días, o volume de ocupación en hospitalización e en unidades de coidados intensivos (UCI) e na "análise" dos repuntes detectados.
"Haberá probabelmente decisións respecto diso", apuntou o presidente galego, que puxo o acento en que estas novas restricións partirán do comité clínico articulado pola Consellaría de Sanidade, composto por 35 persoas que son "as que máis saben e que seguen de forman escrupulosa" a evolución da pandemia na Galiza.

En canto ás residencias de maiores, Feixoo avanzou que o comité estuda fechar estes centros a visitas mentres non estean todas as persoas usuarias e traballadoras inmunizadas coa vacina.

Mobilidade

O presidente da Xunta tamén asegurou que "está encima da mesa" do comité clínico "o estudo das améndoas perimentrais" que teñen limitada a mobilidade na Galiza.

Así o avanzou ao ser preguntado por unha posíbel ampliación do fechamento de Santiago cos municipios limítrofes de Teo e Ames. "Non hai un consenso epidemiolóxico respecto diso, non o hai aquí nin o hai en ningún lugar", manifestou, sinalando que "hai  epidemiólogos que aconsellan que as améndoas sexan moi pequenas, mesmo concellos illados; e hai outros que consideran que as améndoas se poden ampliar".

"Somos partidarios de facilitar as interaccións veciñais que se producen con normalidade e, efectivamente, Ames, Santiago e Teo son concellos que viven nunha conurbación urbana única pero tamén somos partidarios de escoitar os expertos", sinalou.

Feixoo referiuse ao caso de Lugo asegurando que é un dos concellos que tivo "mellor evolución". "O concello de Lugo estivo illado durante semanas e, con todo, hoxe é o mellor concello desde o punto de vista epidemiolóxico da Galiza", sinalou.