A Xunta estuda non permitir visitas ás residencias até vacinar todas as usuarias e o persoal

Un traballador sanitario na residencia de maiores San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Goberno galego estuda fechar as visitas ás residencias de maiores até que finalice a vacinación total de todas as usuarias e usuarios e do persoal destes centros.

A Xunta da Galiza está a estudar fechar as visitas ás residencias de persoas maiores até completar a vacinación total de todas as usuarias e usuarios e do persoal dos centros xeriátricos.

Así o anunciou esta sexta feira, 8 de xaneiro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que destacou que esta será unha das medidas que aborda o subcomité clínico que asesora o Goberno galego e que se reúne esta sexta para analizar a situación.

"Probabelmente (o subcomité clínico) adopte a decisión de blindar as residencias da terceira idade mentres non consigamos vacinar e dispensar as dúas doses a todo o persoal e, por suposto, aos residentes", sinalou o presidente.

Feixoo, que descartou polo momento o confinamento domiciliario na Galiza, tamén destacou que nesta reunión haberá decisións que afectarán á hostalería.

Está previsto que ás 16.30 horas desta tarde compareza o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, para comunicar as novas restricións.

A situación após o Nadal non é boa, pois a pesar de que nas últimas horas se detectasen 104 contaxios menos que na xornada previa (coincidindo con que se reduciron as probas PCR realizadas -até 1.700 menos-), a presión nas unidades de coidados intensivos (UCI) segue á alza, crecendo 6 máis nas últimas horas, e chegando a 63.