Feixoo avanza máis restricións co foco na hostalaría, aínda que desbota o seu feche total

Terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)
"Hai cidades nas que perigan os actuais horarios da hostalaría", sinalou.

O presidente da Xunta avanzou que o comité clínico que se reunirá esta terza feira tomará novas decisións encamiñadas a frear a evolución da pandemia na Galiza e deu a entender que haberá novas restricións para a hostalaría como mínimo nas cidades máis afectadas polo virus, pero desbotou un feche total da actividade na Galiza.

Despois de manter un encontro institucional coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, Núñez Feixoo trasladou que os datos que hai sobre a mesa a día de hoxe non xustifican "peche 100%" da hostalaría na Galiza. "Pero que hai cidades nas que perigan os actuais horarios da hostalaría, a resposta é que si", admitiu.

Feixoo, quen garantiu que a Xunta "non" deixará "só" ao sector hostaleiro e afeou ao Goberno estatal que non lle dea axudas directas, situou as cidades de Santiago, A Coruña e Ourense como aquelas que rexistran unha situación máis negativa desde o punto de vista da evolución epidemiolóxica.

Ás portas dunha nova reunión dos expertos que asesoran á Xunta desde o inicio da pandemia e após ver como soben os novos positivos e a presión hospitalaria, o presidente galego asegurou que "non hai dúbida" de que se están "pagando as consecuencias" das "interaccións" das festas do Nadal.

Ao seu modo de ver, os cidadáns, que "sabían moi ben cales eran as regras", querían "ter contacto social". Un contexto no que, aínda que "un 90% cumpriron as regras", o 10% restante non o fixo e este tipo de comportamentos dan lugar "a tensións á alza nas semanas posteriores" ás celebracións do Nadal.