Feixoo apunta cara a un peche “máis selectivo” da Mariña

(Foto: Xunta)

Fala dunha “pequena regresión” nos contaxios, que se elevan a 121.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, destacou que o brote de COVID-19 detectado na Mariña está a experimentar unha "pequena regresión", con menos pacientes en seguimento e menor ritmo de positivos detectados, polo que expuxo, en coordinación cos expertos e se se manteñen os datos, a posibilidade de "abrir parte da Mariña" e avanzar cara a un peche "máis selectivo" da área.

En declaracións aos medios após manter unha reunión co comité clínico de expertos, o xefe do Executivo galego cifrou en 121 as persoas positivas en relacion a este brote e en 685 os contactos que seguen en seguimento e illamento, xa que 279 terminaron o seu período de corentena.

En canto aos datos positivos, avanzou que, das 80 PCR realizadas sta segunda feira na área, só 3 deron positivo, o que indica unha porcentaxe do 4,5%, inferior ao 20,5% da xornada anterior.

Esta tendencia "favorábel", explicou o presidente, será analizada polos expertos durante as vindeiras 48/72 horas para determinar se se manteñen as medidas como até agora ou se modifican.

Se se confirma a tendencia decrecente na cifra de novos contaxios, Alberto Núñez Feixoo indicou que unha das posibilidades é establecer un peche "máis selectivo" da área, abrindo parte da Mariña e mantendo pechada perimetralmente a zona máis afectada.

Nesta liña, precisou que 90% dos casos sitúanse en tres concellos --Burela, Foz e Xove--, mentres que outros seis teñen, entre todos, 13 positivos, e cinco non rexistraron ningún.

(Haberá ampliación)