Cando gran parte da poboación galega aínda agarda pola primeira ou a segunda dose da vacina contra a Covid-19, Feixoo aposta no ofrecemento dos fármacos ás e aos turistas para que veñan a Galiza este verán. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, participaba na estrea da campaña 'Camiña a Galiza' cando destacou que "debería poder ofrecerse" a estas persoas o tratamento aquí porque sería un reclamo interesante.
Para isto, recoñeceu que o ideal sería que cheguen máis doses dos distintos fármacos, que permitan atender quer á poboación galega como ás e aos viaxeiros.
Desde o seu punto de vista, se o Estado español fixou como obxectivo recuperar os 85 millóns de visitantes internacionais "debería ter as vacinas suficientes" para ofrecer a aqueles que aínda non foran inmunizados contra o coronavirus.
"Sería un activo importante e un reclamo en termos de seguridade", reflexionou, pois ao seu parecer a economía non remontará até que o faga o turismo. Así, incidiu en que o servizo de vacinación "debería formar parte das prestacións" que obteñan aqueles individuos que fagan unha reserva dun hotel ou un apartamento.
"Se seguimos a mercar vacinas, que creo que debemos seguir facéndoo, deberiamos ofrecelas ao turismo para acreditar que España é un lugar seguro", subliñou, recoñecendo que de momento a candidade "non chega para a poboación residente".
"Aínda é moi difícil poder ofrecelas de maneira indiscriminada", lamentou o tamén líder do PPdeG.
O punto "máis seguro" do Estado
Feixoo fixo estas declaracións no marco da presentación dunha campaña para atraer visitas a Galiza na que tamén participaban o vicepresidente primeiro e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, e o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, entre outras persoas. Neste contexto, afirmou que o país está listo para que as visitas regresen e pensa que "conta coas bazas necesarias" para poder superar o récord dos 5 millóns de turistas en 2022 grazas á extensión do Xacobeo.
Falou dunha Galiza segura para as e os de fóra porque "máis do 50% da poboación" ten inoculada polo menos algunha das doses do tratamento contra o virus. Isto, di, convrrte o país "no lugar máis seguro de España".