As feiras de Todos os Santos enchen Monterroso, Betanzos e Valença do Minho

A Feira de Todos os Santos de Monterroso este ano (Foto: Tic-Servizos Audiovisuais).
A tradición volve como cada 1 de novembro ás feiras de Monterroso, Betanzos e á freguesía de Cerdal, en Valença do Minho (Portugal).

O 1 de novembro, Día de Todos os Santos, reúne as feiras máis concorridas da Galiza e o norte de Portugal. No caso galego, a localidade de Monterroso ten a sona de ser “a feira das feiras” pola súa historia e capacidade de reunir un maior número de persoas mais tamén a vila de Betanzos conta entre as máis visitadas ese día. No norte de Portugal, Valença do Minho, onde as feiras teñen lugar todas as cuartas feiras, teñen unha na freguesía de Cerdal que dura dous días: o 1 e 2 de novembro. 

Monterroso e Betanzos

O municipio de Monterroso ten a súa feira todos os día 1 de cada mes mais a que cadra con novembro é a máis grande. A súa orixe remóntase á Idade Media, vinculada a un imposto sobre o sal cobrado na contorna. Ao estar no centro xeográfico da Galiza e ser punto de encontro de camiños de arrieiros que comunicaban a costa galega con Castela, aumentou o seu prestixio.

As primeiras probas documentais da súa existencia datan de 1450 aínda que existen investigacións que apuntan a que a feira pode ter unha antigüidade de 800 anos. Alén da feira cabalar, Monterroso é o gran mercado dos produtos de tempada: queixos, castañas, mel, produtos cárnicos e doces, ademais de medio centenar de postos de polbo distribuídos por toda a superficie feiral. O espazo acolle, ademais, actuacións musicais e degustacións gastronómicas locais. 

A edición deste ano superou todas as expectativas, con 20.000 asistentes e 850 postos de venda de produtos agrícolas e de horta, gandeiros e elaborados. Até alí desprazouse tamén persoas do mundo institucional e a política galega.

Á mesma, acudiu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Na feira tamén estivo a deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, e o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo. Por último, visitou a feira a Subdelegada do Goberno español, Isabel Rodríguez. 

En Betanzos a feira realízase os días 1 e 16 de cada mes (agás o 1 de decembro que pasa ao 30 de novembro) e está organizada polo Concello. A súa orixe sitúase na concesión en 1341 do privilexio de realizar unha feira o primeiro día de cada mes e, xa en 1467, dunha feira franca do 1 ao 30 de novembro.

En 1871 o municipio estabeleceu a celebración dunha feira tamén cada día 16. Como no caso de Monterroso, a máis importante é a que cadra co primeiro día de novembro aínda que tamén son importantes a do 1 de xaneiro (Aninovo) e o 16 de agosto, por coincidir co día de San Roque. 

Todos os Santos de Cerdal

Na freguesía de Cerdal, no interior do municipio portugués de Valença do Minho, teñen tamén a súa propia Feira dos Santos os días 1 e 2 de novembro. Esta documentada en 1758 e este ano contou con máis de 400 postos con produtos que van desde calzado e roupa até vaixela, calzado e produtos do campo. Se o día principal foi onte, hoxe ten lugar a Feira das Trocas pola tradición de intercambiar produtos mercados na véspera que non se desexen.

Ademais, son moi populares as corridas de cabalos ‘garranos’, típicos de rexión, que se realizaron onte, e a feira de gando. Alén diso, son moi concorridas as tascas da feira onde se proban os viños novos e son habituais os cantares ao desafio e as cantigas populares improvisadas a cargo de tocadoras e tocadores de concertina.