Sober

Todo sobre a Feira do Viño de Amandi: bo viño e música no corazón da Ribeira Sacra

Presentación da Feira do Viño de Amandi, en Sober, en pleno corazón da Ribeira Sacra. (Foto: Nós Diario)
"Para o concello, o viño é o principal económico, social e cultural. Non imaxino un Sober sen viño", afirma o alcalde de Sober.

A veciñanza de Sober, no corazón da Ribeira Sacra, quece os motores para acoller esta fin de semana, desde a sexta feira até o domingo, a cita máis agardada do ano no municipio: a Feira do Viño de Amandi. Esta será a 44ª edición dunha festa que nos últimos anos se estendeu ao mes completo, pois se ben comezará de forma oficial este 22 de marzo, nas últimas semanas houbo xa diferentes eventos no marco desta popular festividade.

Para o alcalde, Luís Fernández Guitián, un dos pratos fortes desta edición será o pregón, que correrá a conta da xornalista e presentadora de televisión Lucía Rodríguez, gañadora do Premio Iris e "100% Ribeira Sacra", como ela mesma se define. "Elixímola a ela porque se sente moi identificada coa zona, pois a súa nai é de Castro Caldelas e o pai, de Sober. Cando llo propuxemos preguntamos pola súa dispoñibilidade... e dixo que xa contaba vir, como todos os anos, á Feira do Amandi. É un orgullo poder contar con ela", afirma o rexedor, en conversa con Nós Diario.

Mais iso será o domingo, contra as 13 horas. Antes, nos días previos, Sober e o viño de Amandi protagonizarán unha ampla programación gastronómica e festiva para todos os públicos. "Para o concello, o viño é o principal económico, social e cultural. Non imaxino un Sober sen viño", reitera Fernández Guitián, que salienta que a Feira, que conta xa coa distinción de Festa de Interese Turístico da Galiza e está xa tramitando a de Interese Nacional, pretende render homenaxe ás moitas mulleres e homes que producen esta variedade vinícola.

O viño de Amandi está amparado pola Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, mais que o distingue doutras variedades? Principalmente, precisa o rexedor, o lugar no que se plantan as vides —segundo a lenda, foron os romanos quen as plantaron alí—, pois son terras máis expostas ao sol que outras da contorna. E dentro desta subzona de Amandi a uva non é tampouco homoxénea, pois existen tamén pequenas diferenzas, apunta, en función do solo, de se é máis granítico ou prima máis a lousa.

"Debido ás horas de sol, ten unha gradación de alcol un pouquiño máis elevada, mais non se percibe ao bebelo polo aterciopelado do seu sabor", afirma. E se ben a raíña de Sober é a uva mencía, algunhas adegas van probando con novas variedades autóctonas, antes minoritarias, para elaborar os seus viños.

Fernández Guitián confía en que este ano haxa unha grande afluencia de visitantes a unha festa na que Sober xa adoita multiplicar exponencialmente a súa poboación, e máis aínda nun ano no que se agarda que o bo tempo acompañe como non o fixo noutras festas recentes, como a Feira do Queixo de Arzúa ou a Feira do Viño de Chantada. "Creo que a xente ten gana de festa e de bo tempo", di. Ademais dos autobuses que se habilitarán, este ano tamén farán parada en Sober varios taxistas do concello veciño de Monforte, a fin de ofrecer máis alternativas a quen prefiran prescindir do coche —con todo, haberá tamén grandes explanadas para aparcar—.

E ademais de viño, como non podía ser doutra forma, non faltará a música no corazón da Ribeira Sacra. Alén doutras orquestras e agrupacións musicais, a Banda de Música de Sober ofrecerá unha primeira actuación o sábado e un pasarrúas o domingo para amenizar unha festa á que asistiu, de forma ininterrompida, en todas as súas edicións desde hai máis de catro décadas. Os seus músicos, de feito, protagonizan o cartel da Feira de Amandi deste ano, obra do deseñador vilalbés Eduardo Pérez Baamonde, que se impuxo no tradicional certame.

Programa completo

Sexta feira, 22 de marzo

  • 19.00 horas: actuación de Batucada XdL, de Monforte.
  • 19.30 horas: inauguración a cargo da Adega D'Fran, de Vilachá de Doade, en lembranza de José María Díaz.
  • 20.30 horas: actuación da Banda de Música Folk de Ribas de Sil.
  • 22.30 horas: actuación da charanga Festicultores Troupe.

 Sábado, 23 de marzo

  • 11.00 horas: apertura de stands.
  • 11.15 horas: actuación de Baturruka, de Monforte
  • 12.30 horas: actuación da Banda de Música de Sober.
  • 17.00 horas: comezo da Precata Oficial.
  • 18.00 horas: actuación de Batucada Creativa, de Monforte.
  • 20.00 horas: actuación da charanga Louband, de Sarria.
  • 23.00 horas: actuación de Malenne, na Praza do Concello.

Domingo, 24 de marzo

  • 10.45 horas: actuación da charanga NBA.
  • 11.00 horas: pasarrúas coa Banda de Música de Sober.
  • 11.30 horas: comezo da Cata Final Oficial.
  • 11.30 horas: Misa Solemne coa Bendición de Ramos, na Igrexa de Sober.
  • 12.30 horas: recepción de autoridades na Casa do Concello.
  • 13.00 horas: pregón a cargo da xornalista Lucía Rodríguez, presentadora de 'Xente marabillosa', da TVG.
  • 13.30 horas: entrega de Premios.
  • 17.30 horas: actuación da charanga NBA.
  • 19.30 horas: baile coa orquestra Los Satélites.