A Feira do Viño de Quiroga fecha cun grande éxito de asistencia

As rúas de Quiroga durante a celebración da Feira do Viño. (Foto: Concello de Quiroga).

A Feira do Viño de Quiroga puxo este domingo remate a súa edición de 2023. O evento xuntou na localidade a milleiros de persoas nestes tres últimos días.

A Feira do Viño de Quiroga volveu a resultar un éxito. Nesta ocasión, a localidade da Ribeira Sacra acolleu a milleiros de persoas procedentes da Galiza e do Estado, que acudiron a probar as excelencias duns dos viños máis demandados do país.

A produción vitivinícola de Quiroga, incluída na denominación de orixe Ribeira Sacra, fai parte da subzona Quiroga-Bibei. Neste sentido, representa 50% de todo o viño xerado nesa comarca.

O tradicional encontro, cuxa orixe se remonta a 1980, contou coa presenza de 12 adegas. Así, entres estas, destacaron Alma das Doas, Algueira, Atrium Vitis, EDV 2015, Alvaredos Hobbs, Lareira de Ricobao, Ponche da Boga, Purificación Díaz Ferreiro, Reitoral de Amandi, Casa de Outeiro e Val de Quiroga.

O Concello de Quiroga, organizador do encontro, desenvolveu desde a sexta feira de 7 de abril un intenso programa de actividades ligado ao viño. O mesmo contou coas actividades xa tradicionais pero introduciu novos elementos.

Unha das novidades deste ano foi a celebración dun Túnel do Viño na xornada do sábado. Precisamente, ese día desenvolveuse a presentación de tres adegas de Canarias asistentes ao encontro.

A feira contou cunha variada oferta musical durante os tres días. Así, entre outros atraccións musicais, estiveron presentes o grupo Recanto, Erbedo, charanga Mil 9 ou a coral polifónica de Quiroga.

O encontro foi pregoado polo comunicador Carlos Sobera, presentador de diversos programas de entretemento en televisión e un dos rostros máis coñecidos dos medios de comunicación estatais.

O vicepresidente segundo da Xunta da Galiza, Diego Calvo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, foron os encargados de inaugurar o evento, onde, tamén, estiveron presentes outros responsábeis do Goberno galego, como o vicepresidente primeiro, Francisco Conde.