A 40ª edición da Feira do Viño de Chantada enche as rúas de paixón polo produto estrela da Ribeira Sacra

40 edición da Feira do Viño de Chantada (Foto: Concello de Chantada).
A celebración chantadesa está a contar cunha grande afluencia de xente e un ambiente festivo no que non falta o bo viño, a música e as actividades complementarias.

A Feira do Viño de Chantada, a máis temperá das citas co mundo do viño na Ribeira Sacra, chega esta fin de semana á súa 40 edición, nunha festividade repleta de actividades.

A celebración chantadesa está a contar cunha grande afluencia de xente e un ambiente festivo no que non falta o bo viño, a música e as actividades complementarias para crianzas e profesionais do mundo vinícola.

A programación comezou na sexta feira coa apertura dos Stands das bodegas participantes nunha primeira xornada que contou coa actuación musical de Claxxon e con cantos de taberna organizados pola agrupación Son de Outeiro.

A xornada do sábado foi máis madrugadora, xa ás 11 horas da mañá comezaba a festividade coa actuación do Grupo de zanfonas da Tradescola de Lugo. A continuación, foi a quenda da Agrupación tradicional da Casa da Música, e despois desenvolveuse a presentación do grupo de baile tradicional Cuarteto Albeiro Ardoa. A mañá rematou co concerto da Banda de Música de Chantada.

Non faltaron as charangas, pois na tarde do sábado amenizaron o ambiente da localidade Unión Phenosa, Festicultores Troupe, o Grupo de Zanfonas da Tradescola de Lugo e Searas, dando paso á xa tradicional Cata Popular na Carpa Principal da festa. Pola noite tocou verbena coas orquestras Trebol e Saudade.

A Cata Oficial da Feira do Viño de Chantada tivo lugar este domingo ás 10.30 horas da mañá. As gaitas tamén estiveron presentes, como non podía ser doutra maneira, coa actuación da agrupación Os Barrios. E a mediodía, máis charanga, coa colaboración do grupo NBA as persoas asistentes seguiron desfrutando do ambiente festivo até a hora do vermú.

Foi nese momento cando chegou o esperado momento do pregón, ás 13 horas. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, ensalzou no seu dicurso o viño chantadés e da Ribeira Sacra ante o público da localidade.

Esta tarde comezará coa entrega dos premios da 40 edición da Feira do Viño de Chantada. Mais a festa non acaba aí, pois o grupo NBA volve coa súa charanga, así como Louband. E á noite, a festa continuará coa verbena a cargo da orquestra Compostela.

Previamente, as crianzas poderán desfrutar até as 20 horas dos talleres e da ocioteca infantís, a cargo de Velaísca (para maiores de 3 anos), na Casa da Música. Ademais, até as 20.30 horas, ficará aberto para profesionais do sector o III Túnel do Viño de Chantada, na Sala Principal do Auditorio Municipal e cun prezo de entrada de 10 euros.