A Feira do Viño de Chantada alenta o encontro coa gastronomía e a paisaxe: "Os nosos viños son complexos pero cada vez gustan máis"
A Feira do Viño de Chantada é a máis madrugadora da tempada. Entre o 6 e o 8 de marzo espera miles de visitantes para degustar viños tintos e brancos, sobre todo novos, mais tamén elaboracións que comezan a gañar protagonismo e que prometen levar ao mercado propostas con "valor engadido, máis envolventes e dóciles". Así describe Bruno Lobelle, xerente de Vinosacra Almacén, "os viños envellecidos" que as adegas de Chantada están a desenvolver, "elaboracións máis senlleiras" que tamén terán o seu oco nos postos que o Concello de Chantada instala cada ano na praza da Galiza, escenario principal da feira do viño. Na súa edición número 43, un total de 13 adegueiros entrarán no sorteo dos 13 postos que ocuparán durante tres días para dar a coñecer os seus caldos nun ambiente festivo, no que a música tradicional, a verbena e o encontro coa paisaxe completan a oferta de ocio.
A degustación de viños marcará o programa de actividades e o decorrer da fin de semana. Até 50 elaboracións distintas estarán a disposición das persoas visitantes, tanto no recinto feiral como no Túnel do Viño de Chantada, un espazo aberto tamén a todos os públicos malia estar deseñado para un consumo máis repousado, curioso ou mesmo profesional.
"Os viños que se fan en Chantada son viños frescos, moi fáciles de tomar. As condicións que temos, en canto a clima e solos, favorecen uns viños máis ben lixeiros e cunha acidez bastante alegre", resume Lobelle, quen destaca a idoneidade do territorio para a elaboración de viños novos "nin corpulentos nin contundentes", que casan moi ben coa gastronomía local, nomeadamente con calquera "comida proteica como pode ser o cocido".
Con todo, os viños de Chantada están agora ante un desafío maior e ilusionante para o sector, a elaboración de "brancos e tintos de crianza", máis lonxevos, que permitan unha venda máis demorada e cun valor engadido "para quen nos visita de fóra", remarca Bruño Lobelle.
Unha cita consolidada
Este experto en viños acompaña a iniciativa do Concello de Chantada para dar a coñecer e arroupar un sector económico fundamental para o municipio e para toda a comarca, como confirma a Nós Diario Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada. Segundo di, tamén a fin de semana da Feira do Viño ten un forte impacto na vida da localidade. "Os nosos viños son complexos pero cada vez gustan máis e quen nos visita por primeira vez queda con ganas de repetir". Grupos de amigos, familias, profesionais e amantes do viño encherán un ano máis a carpa instalada na praza da Galiza, onde os adegueiros ocuparán os seus postos desde a sexta feira, ás 20 horas, até o domingo á medianoite. "Trátase dunha feira moi consolidada. Se o tempo acompaña a poboación multiplícase por cinco, sendo unha das fins de semana máis importantes e multitudinarias do ano".
Desde hai dous meses xa non hai sitio para durmir en Chantada. Todas as prazas hoteleiras están reservadas á espera dunha programación "continuísta". "É a fórmula que funciona", afirma o concelleiro de Cultura, que gaba a maridaxe perfecta dos viños de Chantada, co polbo que servirán as polbeiras do Carballiño e a paisaxe da Ribeira Sacra. "Para os da casa e para o visitante, esta combinación é un luxo e así o valoran", de aí que o esforzo do Concello por apoiar o sector vitivinícola e, a un tempo, alentar un turismo de calidade.
Roberto Vilar será o encargado de pronunciar o pregón da XLIII Feira do Viño de Chantada. Será o domingo 8 de marzo ás 13 horas, pouco despois da lectura do manifesto do 8-M. Agrupacións locais e charangas amenizarán a festa mañá e tarde, para dar paso á música de orquestra chegada a noite. Como cada ano, a venda de viño, a degustación e as catas centrarán o tempo dos visitantes. "O éxito está na celebración dunha feira tradicional", asegura Manuel Diéguez, que apunta como novidade a nova localización da cata oficial, da cata popular e do Túnel do Viño de Chantada, que este ano terán lugar no Auditorio Municipal. Ademais, o 7 e 8 de marzo, quen se achegue á Feira do Viño de Chantada tamén poderá gozar da XVII Feira de Oportunidades e da XVI Mostra de Produtos e Artesanía.
