VIOLENCIA MACHISTA EN OURENSE

“Feijóo ten a cara de facer minutos de silencio mentres recorta as axudas para as vítimas”

A Marcha Mundial das Mulleres convocou unha concentración de repulsa en Ourense, onde denunciou que os recortes da Xunta agravan os “feminicidios”.


A rabia e a indignación déronse cita este sábado en Ourense. Máis de 300 persoas concentráronse fronte á Subdelegación do Goberno para un acto de repulsa polo asasinato de María Isabel Fuentes, nun novo episodio de violencia machista. 

Convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, ao berro de “Querémonos vivas” e “O machismo mata”, criticaron ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, por ter “a cara de facer minutos de silencio e comunicados de condolencia”, mentres o seu goberno recorta as axudas para as vítimas da violencia machista, segundo recolleu a axencia Europa Press. Aseguran que estas partidas caeron máis dun 25% durante o goberno popular.

“Foi agredida sen poder defenderse, non encontrou nas institucións nin na Xustiza a protección que precisaba para non ser asasinada”, aseguraron as convocantes.

As organizacións denunciaron que os “feminicidios” son resultado dunha sociedade e dun sistema que considera as mulleres “cidadás de segunda”.  Sinalaron a falta de medidas, como quedou patente no asasinato da primeira vítima mortal no que vai de ano en Galiza. “Foi agredida sen poder defenderse, non encontrou nas institucións nin na Xustiza a protección que precisaba para non ser asasinada”.

As investigacións apuntan precisamente a falta de medidas de seguridade, malia que a Garda Civil advertira do risco para a vida da vítima, após a agresión que lle provocara serios danos cerebrais e que o seu marido –e presunto asasino- fixo pasar por un roubo violento.

O acto coincidía co enterro de María Isabel Fuentes, cuxos restos mortais repousan xa en Verín. Na concentración estiveron presentes sete dos 11 candidatos e candidatas á Alcaldía de Ourense. Tamén houbo concentracións en Compostela, Vigo, A Coruña e Pontevedra.