Feijóo: "Perdemos o control durante 12 horas"

As lapas dominaron o país desde a media tarde do domingo até a mañá da segunda feira. Durante ese período Galiza estivo inerme. Non o di a oposición, a presión da opinión pública é tal -miles manifestáronse onte para clamaren Lumes Nunca Máis- que Feijóo esta terza feira, nun acto conxunto coa ministra de Agricultura, se viu obrigado a admitir: "Perdemos o control durante 12 horas"

Significa isto que Feijóo -a imaxe e semellanza do portugués António Costa- vai reformular a súa política forestal? En absoluto. 

 

"Perdemos o control durante 12 horas", admitiu Feijóo, mais a seguir argumentou que as críticas á súa política forestal ou anti-incendios por unha situación que, ao seu xuízo, sería puntual apenas se poden realizar desde posicións que só procuran o beneficio "partidista".

Por tanto, nada a mudar: se Galiza non tivese os "profisionais que temos" e a "solidariedade do pobo galego" probabelmente hoxe estaríamos a falar dunha traxedia cun custo en vidas humanas moito maior, veu dicer Feijóo.

 

Por súa parte, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, defendeu a idea que aínda non existe unha repulsa unánime contra os incendiarios. "Avanzaremos moito na loita contra os incendios en España o día en que a sociedade sexa absolutamente impermeábel e que rexeitemos todos frontalmente os incendiarios".

 

 

Nota: na foto que acompaña estas liñas -da autoría de Xoán Rey (Axencia Efe)- aparecen no centro de coordenación anti-incendios, en Compostela, García Tejerina e Feijóo.

 

Corrección: Fomos advertidos por un leitor dun erro gramatical no título inicial desta noticia, xa corrixido, ao empregarmos "perdimos" no canto do correcto "perdemos". Moitas grazas e desculpas!