Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada

"Feijóo fala de 'terrorismo incendiario' para desviar a atención das responsabilidades do seu Goberno"

O profesor de Economía Aplicada Edelmiro López Iglesias. Foto: cedida.

Edelmiro López Iglesias (Bilbao, 1960) foi o único galego que formou parte, a proposta dos rectores das universidade portuguesas, da comisión técnica sobre os incendios da Assembleia da República de Portugal que vén de rematar os seus traballos. Profesor de Economía Aplicada e alto cargo da Consellaría de Medio Rural durante o bipartito, ten claro que o problema do lume é de fondo. Só un Goberno galego "con enerxía" pode facer a política precisa para solucionalo.

-As causas dos incendios son múltiples, mais ¿cales son as fundamentais?

 

-Hai algo que é obvio. Non se deben a unha unha trama terrorista incendiaria. Esa explicación podo entendela desde a comunicación política, pero impide asumir que existe un problema e buscarmos en que falla o Goberno e en que fallamos como sociedade.

 

-E cales son, daquela?

 

-Eu falaría de tres causas, e non vou ser orixinal. Primeiro, a ausencia de ordenación do monte e, por extensión, do territorio, debido ao abandono do rural e dos usos agrarios. Nos últimos 50 anos hai que engadir o crecemento urbano desordenado. O monte vai cara ás casas e as casas cara ao monte. A contorna de Vigo é un exemplo claro. Cómpre revitalizar o rural, aproveitamentos diversificados da terra e ordenar os seus usos. Segundo, hai un incumprimento estrutural da lexislación de prevención. A lei de prevención de incendios de 2007, logo descafeinada en 2012, fixaba áreas arredor dos núcleos de poboación e das vías de comunicación que deben estar limpas de vexetación e de piñeiro e eucalipto. Mais o incumprimento é xeralizado. O propio director xeral de Montes [Tomás Fernández-Couto] cualificaba de “anecdótico” o cumprimento da norma. E terceiro, hai un elemento que, ao contrario que os dous anteriores, non depende de nós: o cambio climático.

 

-Non depende de Galiza, mais a Xunta si pode adoptar medidas ao respecto, ao que se negou en repetidas ocasións.

 

-Si, por suposto. Refírome a que só tería efectos se se toman medidas a nivel internacional. Debemos tomar conciencia do cambio climático e, por exemplo, incluír expertos en climatoloxía nos dispositivos antiincendios. A pasada fin de semana xuntáronse fenómenos -unha seca prolongada desde a primavera e os restos do furacán Ophelia- cuxo risco de lume, se dispuxésemos de análises finas da climatoloxía, podería ser previsto.

 

-Fala de causas estruturais, que, se houbese vontade política, levaría tempo modificar.

 

-Ás veces non me gusta a expresión “causas estruturais”, porque soa a condena divina que está aí desde os Irmandiños ou, se es crente, desde Adán e Eva. Pero si, os problemas que causan os incendios non se poden arranxar cunha orde de axudas de cinco millóns. Cómpre actuar sobre a propiedade da terra e os seus usos. Eu defendo que en Galiza é precisa unha reforma agraria. Non mudar os propietarios, senón facer un uso axeitado da terra. Fórmulas existen moitas, algunhas de cumprimento inmediato, como a limpeza das faixas en torno a núcleos de vivendas e vías de comunicación. En calquera caso, se un goberno se aplicase con enerxía, en catro ou seis anos veriamos resultados. E é urxente.

 

-O dispositivo de extinción funciona?

 

-Na miña opinión, cómpre poñer máis o acento na prevención. E cómpre un dispositivo de extinción con, digamos, menos forza e máis coñecemento. Máis profesionalizado, máis cualificado, e cun mando único centralizado.

 

-Existen intereses económicos detrás do lume?

 

 -É un tema complexo e esvaradío. Mais desde que a estratexia contra os incendios pon o acento na extinición -a Dirección Xeral de Montes dedica máis orzamento á extinción que á política forestal- e externalizas boa parte das actividades, existen intereses económicos ligados á extinción de incendios. E pode habelos ligados a intereses urbanísticos máis alá da lexislación concreta. Con todo, paréceme irresponsábel insinuar que estean conectados co lume se non hai probas. Porque acabamos na trama terrorista de Feijóo pero do outro lado. E a Fiscalía leva máis dunha década facendo un exhaustivo labor de investigación e nunca detectou nada.

 

-Pódense reducir estes riscos?

 

-Se te preocupas máis pola prevención, e mesmo as externalizacións as fas en prevención, cambiaría. Por exemplo, contratas unha empresa de prevención e se o monte non arde, obtén un plus. E se arde, ao contrario.

 

-Á vista das súas consideracións, é correcto falar de “industria do lume”?

 

-Hai ese cártel dos médios aéreos de Portugal e o Estado, en que se detectaron irregularidades. Mais temos que ser rigorosos. Esas irregularidades referíanse a acordos entre empresas de avións de extinción para inchar os prezos. O gran incendio de Pedrogrão, en Portugal, onde morreron 65 persoas, tivo a súa orixe nunha faísca dunha liña de media tensión que prendeu porque tampouco se respectou a normativa de limpeza do monte. Pero a orixe foi unha catástrofe non humana. En Galiza, do mesmo xeito, hai moitos fogos provocados por faíscas que saltan dos camiños de ferro.

 

-Dalgunha maneira xa respondeu, pero que sentido ten que Feijóo fale de “terrorismo incendiario”?

 

-Nos primeiros intres hai un intento deliberado de desviar a atención das responsabilidades do Goberno galego e buscar un inimigo exterior ou interior. Para min, o grave desa actitude é que fai que a sociedade non tome conciencia do problema dos incendios.

 

-Mencionou o incendio de Pedrogão. Este ano morreron máis dun cento de persoas en Portugal a causa do lume. As causas que os provocan son semellantes ás de Galiza?

 

-O problema é no centro e no norte do país. Ao sur do Texo non o teñen apenas. Máis alá do clima e da ordenación do territorio, a grande diferenza é que o seu sistema de extinción está menos desenvolvido. Aquí, agás en circunstancias extraordinarias, o dispositivo antiincendios é capaz de apagar o lume. Alí, formado adoito por bombeiros voluntarios, non. E as condicións climáticas son máis desfavorábeis. De feito, a suma destes factores explica o que sucedeu en Pedrogrão. Nos intres iniciais do incendio, o dispositivo de extinción non atacou ben o lume. E Protección Civil non funcionou e quedaron aldeas sen evacuar.

 

-Pero parece que, social e politicamente, Portugal toma a cuestión máis en serio que Galiza.

 

-Desde logo. Nos tres meses en que formei parte da comisión técnica sobre os incendios da Assembleia da República, nunca escoitei a ningún político falar de “trama terrorista” nin de “terrorismo incendiario”. A madureza social é maior. O primeiro ministro, António Costa, convocou para este sábado 21 de outubro un Consello de Ministros extraordinario para analizar e levar adiante as medidas propostas no relatorio que elaboramos na comisión.

 

-Na vaga de incendios de 2006, cando arderon 70.000 hectáreas en dúas semanas, vostede facía parte do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG como director xeral de Desenvolvemento Rural. Que aprendeu?

 

-En xeral, naqueles tres anos e algo aprendín moito sobre como levar as ideas e os deseños á práctica. Sobre os incendios en concreto aprendín dúas cousas. Unha, cando vas levar adiante mudanzas de certa radicalidade, non as debes anunciar antes de empezar a realizalas. E dúas, a ter humildade, como tivemos nós, para admitir os erros e tomar medidas con certa valentía. No ano seguinte a 2006, aprobamos o Banco de Terras, as unidades de xestión forestal e unha lei de prevención de incendios. Entre 2007 e 2009, houbo a maior caída no número de incendios desde que hai rexistros.