Feijóo dá por feito que tras os incendiarios non hai "intereses económicos"

O campo de xogo argumental xa está delimitado desde Monte Pío. Os lumes foron "provocados", como dixo Rajoy, mais os pirómanos non perseguen "intereses económicos". Esa é a tese que defendeu Feijóo nunha entrevista na SER. Argüíu que a actual lei de montes impede a recualificación de terrenos, embora a lei básica estatal de 2015 si abre esa hipótese sempre que fose en atención ao "interese xeral". Mais Feijóo non dixo nen palabra sobre a eucaliptización do país ao servizo dos intereses de Ence.

O argumentario do PP xa está aquí. Si, hai incendiarios. Si, a imensa maioría dos incendios son provocados. Mais non, detrás dos lumes non hai "intereses económicos". E non, detrás dos lumes non hai mafias ou grupos organizados, senón individuos isolados, Diego Calvo -presidente do PP coruñés, ex titular da Deputación- dixit.

 

"Intereses económicos? Imposíbel. A lei de montes, as anteriores e a actual, proíben recualificar terrenos que foron obxecto de incendios", declarou Feijóo nunha entrevista na SER. O presidente da Xunta omitiu dicer que a lexislación básica estatal foi mudada en 2015, con Rajoy na Moncloa, para entre outras cousas abrir a billa a hipotéticas recualificacións sempre que fosen en aras aos "intereses xerais".


Na súa reflexión, Feijóo só valorou, para a desbotar, a hipótese dos intereses urbanísticos como xénese dos incendios provocados. Mais non dixo nen chío sobre o proceso de crecente eucaliptización do país -unha dinámica que favorece exclusivamente a multinacional Ence- e o vínculo deste fenómeno coa propagación de incendios.

 

E se non son os intereses económicos os que animan os incendiarios, cal é o móbil que os leva a prender lumes? Aí Feijóo non acabou de articular un discurso convincente e aludiu, balbuciente, a informes da Fiscalía de Meio Ambiente que apontan a factores como a neglixencia ou trastorno psíquico ou de conduta.

 

Aliás, Feijóo desvelou que "neste momento hai un brigadista neste momento na cadea, un rapaz de 21 anos". "Que hai detrás? Referiunos que había unha persoa que lle pagaba por prender, unha persoa de 59 anos. Mais eu non me atrevo a chegar a unha conclusión lóxica, remítome ao informe da Fiscalía".