A Xunta pedirá aos concellos que precinten parques, praias e parques en horario nocturno 

O lecer nocturno na Galiza segurirá aberto mais agora con obriga de PCR en concellos de nivel medio

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, avanzou que Galiza manterá aberto o lecer nocturno, pero agora obrigará a realizar test PCR, que será gratis nos covid-auto, ás persoas que queiran acudir a algún local das cidades con nivel medio de restricións. O test será 48 horas antes.

Outra opción será presentar o certificado completo de vacinación, ao que aínda non tivo acceso a mocidade, pois forman parte dos seguintes grupos programados na campaña de inmunización (agás os Erasmus que marcharán fóra do país en setembro e xa están a adiantar os seus tratamentos mediante a autocita).

A outra medida aprobada polo comité clínico é que a Xunta pedirá aos concellos que precinten praias e parques en horario nocturno para evitar os botellóns. En declaracións aos medios, o mandatario insistiu no chamamento aos mozos e na necesidade de que este colectivo de idade acuda aos cribados aos que son chamados polo Sergas.

A idea é manter fechados estes espazos até as 6 da madrugada, segundo destacou Feixoo.

Así, fixo fincapé no "interese" do comité clínico por "conseguir o éxito" no chamamento a estas probas para detectar casos: "É importante que non diminúa". Ademais, subliñou que a decisión de realizar PCR para gozar do lecer nocturno, con 48 de antelación, "é bo para os mozos" e "facilitar que se poida compatibilizar a súa saúde co lecer nocturno" é unha forma de "seguir traballando con rigor e seguridade".

De feito, se antes non se podía manter este tipo de estabelecementos funcionando nos municipios no chanzo medio-alto de risco agora si será posíbel.

O protocolo aprobado e publicado no Diario Oficial de Galiza (DOG) a pasada semana para o lecer nocturno incluía que os establecementos de lecer nocturno poderían estipular probas de antígenos para os seus clientes, pero non incluía ningunha obrigatoriedade.

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, na comparecencia desta cuarta feira após o comité incidiu en nese órgano acordouse fechar todos os lugares nos que "habitualmente" se fan botellóns. "Precintar parques, praias e prazas", dixo.  

Neste sentido, afirmou que "non" queren que "os botellóns leven ao fechamento do lecer nocturno", polo que o obxectivo primordial agora é atallar as concentracións prohibidas.

Comesaña explicou que esta medida súmase á de intensificar cribados e esixir certificado de vacinación completo ou PCR negativa para poder acceder a locais de lecer nocturno nos municipios con nivel medio pola situación epidemiolóxica.

Comesaña lamentou a porcentaxe "baixa" de participación dos mozos nos cribados, polo que chama "incrementar a adherencia" nesta franxa de idade "máis vulnerable ao contaxio".