Feijóo sobre a actual vaga de incendios: “Estamos na boa dirección”

helicóptero anti incendio

Perante as críticas de brigadistas e da cidadanía, o presidente da Xunta afirma que a 23 de agosto “ardeu unha terza parte” que a media das décadas anteriores. E iso amosa, engadiu, “eficacia”. Iso si, recoñeceu a "grave preocupación" do goberno galego polos lumes

A comezos desta semana Galiza rexistrara máis de 1.900 incendios. A maior parte dos mesmos, sinala a Xunta, de menos dunha hectárea. Mais tamén os houbo (Oia, Valdeorras, Ribeira) que arrasaron centos de hectáreas e obrigaron mesmo a despexar veciñ@s.

Tanto desde brigadistas como desde a cidadanía e colectivos ambientalistas houbo críticas á actuación da Xunta. Ben por falla de traballo preventivo, de medios e efectivos; ou pola ausencia dun proxecto serio para o monte galego, así como pola tardanza en respostas a determinados incendios. Fronte a todas estas críticas, o presidente da Xunta incidiu en que a data de 23 de agosto ardera un terzo do que adoita arder como media en anos anteriores. E mesmo afirmou que “estamos na boa dirección”, malia recoñecer que no goberno hai unha “enorme preocupación” polos incendios.

Núñez Feijóo considera que as cifras de incendios deste ano amosan que se está a traballar con “eficiencia” , e apuntou aos lumes intencionados como causa explicativa da vaga de incendios que asolan Galiza nestes días.