Galiza: máis de 100.000 incendios nestes 25 anos

A Asemblea Galega contra o Lume propón 10 medidas para un combate” eficaz” contra os incendios. Impulsan, aliás, unha campaña de recollida de sinaturas en apoio a estas propostas. Consideran que ano tras ano as vagas de incendios que asolan Galiza mostran o fracaso da política forestal da Xunta, polo que achegan medidas para cambiala

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, producíronse máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 eran arboradas. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal española teñen lugar o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

"As accións destes 25 anos demostráronse insuficientes e erradas" na loita contra os incendios

Todos estes datos son ofrecidos pola Asociación Galega contra o Lume (AGL), integrada por unha ducia de colectivos ambientalistas, cidadáns e sociais de Galiza. Veñen de elaborar un documento no que propoñen dez medidas “de país” para un combate eficaz contra os incendios forestais. Consideran que “as accións que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas”. Por iso fan un chamamento a cambialas.

Outra política forestal é posíbel

Entre as medidas propostas, desde combatir o despoboamento do rural ou pular por unha “nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte”, até “promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común”.

"Hai que combatir o despoboamento do rural, promover a multifuncionalidade no monte, pular por outro ordenamento rural,..."

Tamén figuran entre estas dez propostas a profesionalización dos equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios; ou ben promover un “ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa”

Apoio da cidadanía

A AGL activou unha campaña de recollida de sinaturas en apoio a este proxecto, procurando implicar á cidadanía na necesidade de levar a un cambio no rumbo do modelo forestal que segue o actual goberno galego.