Saúde

A Fegamp rexeita o novo convenio das Unidades de Atención á Drogodependencia proposto pola Xunta

Patricia Vilán e Alberto Varela. (Foto: Fegamp)
Críticas ao incumprimento de compromisos do Executivo galego.

Os trece concellos galegos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) –Carballo (Bergantiños), Noia (comarca homónima), Ribeira (O Barbanza), Compostela, Burela (A Mariña), Monforte de Lemos, Ourense, Cangas (O Morrazo), O Grove (O Salnés), Pontevedra, O Porriño (comarca de Vigo), Vigo e Vilagarcía de Arousa (O Salnés)– e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na súa representación, rexeitaron esta quinta feira a proposta recibida desde a Xunta da Galiza para renovar o convenio dirixido a cubrir os custos desde servizo por parte destes concellos. 

Desde a Fegamp trasladaron "o malestar unánime" dos trece concellos con UMAD polo "continuo incumprimento da Xunta dos seus compromisos adquiridos desde 2022", polos que Sanidade "cubriría de forma directa as vacantes de persoal sanitario" destas unidades que se vaian producindo por motivo de xubilacións, así como que "no prazo de tres a cinco anos Sanidade asumiría todo o persoal sanitario das UMAD".

Para o presidente da Fegamp, Alberto Varela, "estes incumprimentos da Xunta da Galiza están a afectar negativamente ao servizo que se presta polo que aínda custa máis entender por que se está forzando esta situación na que os máis prexudicados son os usuarios das UMAD de toda a Galiza".

Peores condicións

O convenio proposto pola Xunta contempla un orzamento de 4 millóns para a cobertura dos servizos, o que cobre "70% do gasto total das UMAD", que o Executivo galego recoñece como competencia propia. Segundo a Fegamp, "empeora as condicións anteriores, xa que, ademais de seguir sen cubrir o total do custo, a Xunta pretende diferir o pagamento en dous prazos condicionados".