O peche das entidades financeiras agravará o baleirado do rural, advirte a Fegamp

Oficina de Abanca. (Foto: Nós Diario)
A Federación Galega de Municipios e Provincias lanza unha enquisa para coñecer de perto o problema da falla de servizos bancarios e a súa repercusión nos concellos galegos, unha carencia que cualifica de "especialmente grave" no ámbito rural.

O feche de entidades bancarias e a supresión de servizos asociacidos ameaza con castigar a economía das localidades máis pequenas da Galiza e de elevar a dependencia da veciñanza do rural, privada dun recursos de proximidade esencial para o seu desenvolvemento.

As denuncias por parte das persaos afectados non se fixeron esperar, mais tampouco por parte das corporacións municipais que viron desaparecer dos seus concellos sucursais bancarias, obrigando a poboación a desprazarse a localidades lindantes para poder operar cos seus cartos.

De feito, nos últimos días, os alcaldes da Baña e Zas, mais a rexedora de Vimianzo, solicitaron a intervención da Federación Galega de Municipios e Provincias para examinar de perto o custo que supón a perda de servizos bancarios no rural, ao tempo que outros concellos, como o de Campo Lameiro, emprenden a súa propia cruzada.

Radiografía dos servizos bancarios da Galiza

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, reuniuse esta quinta feira cos tres representantes locais, o mesmo día que iniciou unha enquisa entre as Administracións locais co obxectivo de estudar o problema da falla de servizos bancarios e a súa repercusión nos concellos galegos, especialmentete no rural. 

Segundo informa nun comunicado, nos últimos meses, a Federación constatou "un aumento de inquedanza entre os alcaldes e alcaldesas pola dificultade dos seus veciños e veciñas para acceder a un servizo esencial e a desprotección que implica entre persoas sen habilidades tecnolóxicas nin capacidade de transporte".

Así mesmo, a Fegamp apunta consecuencias para o propio futuro das localidades.

Por iso avanza a realización dun mapa da situación actual e unha retrospectiva do último ano, "xa que nos últimos meses os avisos de feche estanse a intensificar e a producir de forma súbita e sen ningún tipo de consenso cos consistorios", advirte.