O verán de...

Federico Pérez: "Os que mandan deben apoiar máis a cultura"

O actor Federico Pérez (Foto: Nós Diario).

—Cóntenos sobre o seu momento actual? En que proxectos está?

Estamos a gravar unha serie para crianzas para unha televisión estatal. Ademais, se todo vai sobre o previsto, estarei na segunda temporada da serie Rapa.

—Cal foi o papel que máis lle gustou interpretar na súa carreira?

Por todo ese cariño que recibín de moita xente quedaría co personaxe de Moncho, do Era Visto.

—Cal é a súa praia fetiche ou paraíso natural en que máis lle presta estar?

Por proximidade diría a zona de Carnota. Con todo, podería escoller calquera zona da Costa da Morte.  

—É dos que está debaixo do parasol?

Non me gusta na verdade. Son de ir á praia mais non de pasar o día enteiro na praia, de feito prefiro ir á praia en setembro ou outubro, cando xa hai menos xente.

—Onde non iría nunca de vacacións?

Sempre fun moi curioso, non creo que haxa ningún sitio que non visitaría.

—Un souvenir que adoite comprar cando viaxa?

Algo que teña a ver con gastronomía.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?

Teño dúas. Unha que fixen cun amigo por toda Europa. E despois outra que fixen coa miña muller en que visitamos case toda Italia.

—Manda postais cando está fóra?

Non traballo ese tema para nada.

—Un festival ou cita cultural ao que non falle?

Normalmente sempre vou a Boiro ao Olloboi que é un festival de cine escolar. Tamén adoito ir a Cans [O Porriño].

—Unha canción que estea escoitando moito ultimamente?

Unha que descubrín durante a pandemia. Chámase Maloqueiro, dun grupo brasileiro Brazil Dub. Mais na Galiza tamén temos unha gran produción cultural e musical, unha pena que os nosos mandatarios non a apoien máis.

—Un libro que recomende?

Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga.