Entrevista

Federico Martinón Torres, catedrático da USC: "Galiza ten xa unha facultade pública de Medicina plenamente consolidada"

Federico Martinón Torres, catedrático da Facultade de Medicina da USC é xefe de Pediatría no CHUS. (Foto: Nós Diario)

A Xunta de Facultade de Medicina (USC) rexeitou o acordo dos tres reitores co Goberno galego que descentralizará os estudos de Medicina. Un dos valedores da postura da Xunta de Facultade é Federico Martinón Torres, catedrático na USC e xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

—A Xunta de Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) rexeitou o acordo de descentralización firmado polos tres reitores e a Xunta da Galiza sobre a docencia de Medicina. Cales son os argumentos en contra?
A decisión da Xunta de Facultade de Medicina non foi un rexeitamento intransixente, senón unha chamada á reflexión e á mellora. A votación foi practicamente unánime porque existe unha preocupación compartida polo impacto que pode ter o acordo na calidade da formación médica. Os argumentos non responden a intereses locais ou corporativos, senón á necesidade de garantir unha docencia de excelencia, equitativa e planificada con criterios técnicos, e non localistas ou emocionais. O profesorado teme que a descentralización proposta, se se implanta sen unha base sólida, poida fragmentar o modelo actual, diluír responsabilidades e debilitar un sistema que leva décadas funcionando con éxito e recoñecemento tanto dentro como fóra da Galiza.

—A Facultade de Medicina da USC presentou unha proposta de futuro alternativa. Cales son os eixos?
A nosa proposta non é un “non”, senón un “como melloralo”. Defendemos un modelo de docencia práctica clínica descentralizada nos anos máis avanzados, con criterios de coordinación, calidade e avaliación compartida, mantendo unha única titulación universitaria. Apostamos por incorporar profesorado acreditado de todos os hospitais galegos, e de calquera outra parte sempre que cumpran os requisitos de acreditación; por reforzar a rede asistencial como soporte docente e por garantir que o protagonismo siga sendo do alumnado. Todo iso baixo a tutela académica da Facultade de Medicina da USC, que é a que ten a capacidade legal e a experiencia para garantir a calidade da formación.

—É necesaria máis dunha facultade de Medicina na Galiza?
Non me corresponde decidilo, pero non hai ningún informe técnico, académico nin sanitario que avale a necesidade de máis dunha facultade de Medicina. Galiza ten xa unha facultade pública plenamente consolidada, cunha das notas de corte máis altas do Estado, e que forma médicos recoñecidos internacionalmente. O que falta non son estudantes de Medicina, senón especialistas en determinadas áreas e profesionais que queiran traballar onde máis se precisan. A vocación por ser médico non se mide por isocronas. Tampouco a vocación docente. Non estamos a falar de garantir a educación primaria ou secundaria. Non se trata tampouco de abrir sucursais nin de médicos nin de profesores. Abrir novas facultades sen garantir calidade docente, sen profesorado debidamente acreditado, é un risco para o sistema e un dispendio dos recursos públicos.

En vez de multiplicar estruturas, debemos reforzar a que xa temos, que funciona e está recoñecida. Iso si, aproveitando todo o valor do conxunto da Galiza e atraendo os mellores alumnos e docentes, veñan de onde veñan.

—Como catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e logo da experiencia acumulada tanto no traballo clínico como na docencia na Galiza, cal é a súa visión de por onde ten que ir orientado o futuro dos estudos de Medicina na Galiza?
Galiza debe seguir sendo un referente na formación médica de calidade. Temos os recursos, temos o talento e temos unha estrutura universitaria que xa demostrou a súa validez. O futuro pasa por un modelo integrador, que aproveite toda a rede asistencial sen romper a unidade académica, que incorpore innovación docente, e que aposte tamén na investigación como columna vertebral da educación médica. E sobre todo, que poña sempre no centro ao alumno, non as axendas persoais ou localistas.

É importante que as persoas que rexan as institucións universitarias galegas estean á altura, sexan honestas, non enganen a poboación con discursos populistas ou xerando enfrontamentos artificiais ou descualificacións por mor das súas axendas persoais, municipais ou electorais.

Eles mellor que ninguén saben que abrir unha facultade de medicina non é abrir unha charcutaría de médicos, e ademais ten uns custos que sairían dos petos de todos os galegos e as galegas, cando hai outras prioridades máis urxentes dentro das súas respectivas universidades e para o conxunto da Galiza.

—Considera que hai espazo para facultades de Medicina privadas na Galiza?
Galiza conta cunha excelente facultade pública, e mentres poidamos garantir a oferta e a calidade desde o sistema público, debemos priorizalo. A formación médica non é só un proceso académico, é unha responsabilidade social. Antes de abrir a porta a modelos privados, hai que consolidar e protexer o que xa temos, que é de todos e todas. E garantir que todo estudante de Medicina que queira cursar os seus estudos na Galiza, sexa cal sexa a súa orixe, teña acceso á mellor formación posíbel. Ese debe ser o noso compromiso colectivo.

Os pasos a seguir nos estudos de Medicina

"O máis importante agora é retomar o diálogo con serenidade e responsabilidade. Non se pode decidir sobre a Facultade de Medicina da USC sen contar con ela. Non se trata de decisións asemblearias ou populistas, senón técnicas", estima Matiñón Torres. A USC "xa fixo propostas construtivas e está disposta a negociar todos os aspectos que contribúan a mellorar a formación médica. Necesitamos unha planificación rigorosa, baseada na evidencia, cunha memoria económica clara e unha avaliación do impacto que terán os cambios na vida do estudantado, na docencia, na investigación e no sistema sanitario galego", destaca o catedrático para concluír sinalando que "non se trata de bloquear nada, senón de facer as cousas ben".