Protesta de FPX-CCOO

Pensionistas da Galiza denuncian "graves deficiencias" para usuarios e personal das residencias pola Covid-19

Imaxe de arquivo dunha residente nun destes centros (Foto: Europa Press)
O secretario xeral da federación, Carlos Mella, destaca que "sete de cada dez mortes polo novo coronavirus" prodúcense ou están vinculadas a estes centros. Por iso exixe ás Administracións que impoñan protocolos de seguridade e actuación para os cadros de persoal e as e os propios residentes.

A Federación de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras na Galiza (FPX-CCOO) súmase esta quinta feira ás advertencias sobre a situación das residencias, que están a amosar “graves deficiencias” debido á xestión da crise sanitaria.

O secretario xeral desta división, Carlos Mella, lamenta que nestes centros estén a concentrarse “sete de cada dez mortes polo novo coronavirus”. Neste sentido, critica o estado das infraestruturas asistenciais do país.

Após as mortes que se produciron nestes días por mor da segunda onda da Covid-19, Mella recorda que era algo que se podía ter previsto. “Era esperada, pero quizais chega antes” e “está collendo por sorpresa ás diferentes Administracións”.

Por iso, a federación exixe actuacións urxentes que vaian na liña de marcar medidas preventivas e protocolos de actuación para os cadros de persoal e as e os residentes. En calquera caso, Mella sinala que sería preciso tamén contar cunha ferramenta que permitise a coordinación sociosanitaria.

“Estase a caer nos mesmos erros que na primeira vaga da pandemia”, incide o secretario xeral da FPX-CCOO. “As residencias son lugares de convivencia, relación e participación das persoas dependentes, que reciben o soporte e axuda do persoal traballador para suplementar esas deficiencias, estimular a súa autonomía e permitirlles ter unha vida digna”, quere recordar.

No caso de existir esas unidades que demanda, habería xente da Atención Primaria pendente das e dos usuarios destas instalacións. Mentres o colectivo agardan unha resposta neste camiño, Mella demanda que polo menos haxa un diálogo coas empresas que están á fronte da xestión dos centros.

Con independencia do contexto da pandemia, a FPX-CCOO advirte de que séguense a rexistrar casos de malos tratos, soidade e abandono nalgúns centros. Opina que un plan de prevención, atendendo tamén a un punto de vista de xénero, sería positivo.