A Federación Ecoloxista rexeita o plan de ordenación das Fragas do Eume

Fragas do Eume. (Foto: Europa Press)
A Administración non garante a protección do parque.

A Federación Ecoloxista Galega vén de presentar, na fase de trámite de audiencia pública, achegas ao plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume e ao Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume. 

Os colectivos ecoloxistas que integran a federación galega consideraron, nun comunicado emitido esta terza feira, que as Fragas do Eume precisan accións de protección e recuperación que "fagan viábel o futuro desta zona protexida".

Neste sentido, entenden que a elaboración do PRUX parecía "a oportunidade para estabelecer un punto de inflexión e iniciar un proceso de detención da degradación e de restauración".

Porén, a federación denuncia que o texto proposto pola Administración "só protexe 3,34% da superficie do parque e non estabelece nin actuacións nin normas que permitan a recuperación das zonas máis degradadas". 

Unha das ameazas máis "determinantes" son os cultivos ou exemplares naturalizados de especies pirófitas. A respecto disto, a Federación Ecoloxista Galega sinala que o PRUX "non enfronta este risco que está a desencadear a destrución de sistemas naturais, os solos por erosión e os incendios". 

Vía libre para a proliferación de eólicos 

A ausencia de normas e accións de protección deixa, para os ecoloxistas, outros riscos evidentes que "operarán negativamente" na conservación da riqueza biolóxica e xeolóxica do parque.

"En efecto, non se actúa contra a contaminación procedente do encoro da Capela [...] nin contra a proliferación de parques eólicos na contorna  que desvirtúan a paisaxe orixinal. Toléranse as malas prácticas agrícolas que contaminan os solos e a auga", sentenciaron os colectivos no comunicado.