Medio Ambiente

A Federación Ecoloxista Galega propón refacer a Lei do clima, que ve "pouco útil" e "incongruente"

O risco de incendios forestais aumenta no contexto de emerxencia climática. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A FEG vén de solicitar a retirada do anteproxecto da Lei do clima da Galiza e a elaboración dun novo texto que permita alcanzar de forma "real e eficaz" o obxectivo de neutralidade climática que fixa o regulamento europeo.

Hai marxe para mudar a norma, mais cómpre un cambio de mentalidade por parte da Administración galega, avisou esta cuarta feira a Federación Ecoloxista Galega após finalizar a fase de suxestións ao anteproxecto da Lei do clima da Galiza. A proposta da norma, tal e como foi concibida polo Goberno da Xunta da Galiza, adoece da "concreción necesaria para ser eficiente" no conxunto do territorio e presenta "deficiencias" que poñen en risco os compromisos asumidos por Galiza en materia climática.

"O anteproxecto da Lei do clima non concreta nin como será a transición, nin as medidas necesarias para alcanzar a neutralidade, nin como contribuirán os diferentes sectores económicos ás reducións, nin como vai participar a sociedade nelas", apuntan desde o colectivo, o que fai a proposta da Xunta "pouco útil" e "incongruente" coa lexislación europea e estatal.

En declaracións a Nós Diario, Benito Andrade, voceiro da Federación Ecoloxista Galega, defende a elaboración dunha lei funcional que lle permita á Galiza conseguir a redución de emisións necesaria sen renunciar a un modelo sostíbel nin a unha transición xusta.

"O anteproxecto non estabelece ningunha fórmula de cálculo concreta da pegada ecolóxica das diferentes industrias; construción, gandaría, corta e transformación da madeira. E é importante coñecer a situación de partida de cada un, saber quen ofrece o maior impacto e quen goza de maiores posibilidades dunha redución efectiva de emisións para alcanzar a neutralidade climática en 2050".

Pero a mitigación da emerxencia climática tamén pasa por estimular a absorción de carbono e outros gases de efecto invernadoiro. "O fomento de sumidoiros require a modificación do Plan forestal, que carga sobre o piñeiro e o eucalipto, especies combustíbeis que favorecen os lumes forestais e representan unha fuga de gases de efecto invernadoiro brutal e instantánea. Se queremos reducir emisións e activar os sumidoiros de carbono, temos que reducir a combustibilidade do monte e gañar en plantacións seguras".

Unha oportunidade

Desde a Federación Ecoloxista Galega chaman a incluír no proxecto de lei medidas para protexer e apoiar os sectores sociais máis desfavorecidos, os que máis sufran as consecuencias da emerxencia climática, así como a incorporar as ameazas "xa evidentes" do cambio climático. "Vemos unha falta de valoración dos riscos asociados á emerxencia climática, como os incendios, a erosión do solo, a suba do nivel do mar ou o aumento de eventos meteorolóxicos adversos", afirma Andrade.

Ao seu xuízo, a falta de concreción da Administración galega á hora de redactar o anteproxecto da lei do clima "pretende que todo quede diluído". "Todo o texto transmite a sensación de que o que se ten é medo a adoptar medidas eficientes no sentido que apunta o regulamento europeo, afrontando o cambio en todos os sectores como unha oportunidade económica e con incidencia social, non como unha ameaza. O articulado da norma pódese enriquecer, e debería ser así", conclúe.