Anpas de Compostela chaman á mobilización despois de que a Xunta reduza os problemas do transporte escolar a "axustes"

Crianzas baixando do transporte escolar en Nadela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Román Rodríguez afirmou que "todos os anos adoita haber problemáticas concretas" nunha rede que dá servizo a 77.000 escolares.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atribuíu os problemas derivados nalgunhas das liñas de transporte escolar ao "período de axuste" que, ao seu xuízo, implicou o proceso de renovación de 50% dos itinerarios acometido o pasado ano.

Así respondeu a unha pregunta formulada polos xornalistas durante unha rolda de prensa celebrada en Santiago, onde Román Rodríguez asegurou que "todos os anos adoita haber problemáticas concretas" nunha rede que dá servizo a 77.000 escolares.

Neste sentido, lembrou que o pasado ano tivo lugar a renovación da metade dos itinerarios, o que presuntamente derivou nun "período de axuste" que podería carrexar problemas "concretos" que, segundo o conselleiro, iranse solucionando a medida en que avance o curso.

"Somos conscientes de que hai algúns que se debe corrixir. Tanto a Consellaría de Educación como a de Infraestruturas, cando temos unha notificación (dunha incidencia) do equipo directivo comunicámolo á empresa e abrimos as dilixencias necesarias", sinalou o máximo responsábel da área educativa do Goberno galego.

Mobilización das anpas

A Federación de Anpas Compostela, na que se integran as asociacións de pais e nais de centros públicos de Santiago e da comarca, chamou á mobilización das familias o próximo 29 de setembro ante o "caos" no transporte escolar.

Denuncian as "múltiples deficiencias" no transporte escolar e reclaman "o correcto funcionamento das liñas de transporte en tempos, percorridos, condicións e seguridade".

Así, convocan as familias para o próximo 29 de setembro a concentracións nos centros escolares do IES do Sar, en Santiago; o CEIP Igrexa-Calo, en Teo; e o CEIP de Vite, co fin de esixir á Xunta "a solución inmediata" fronte a esta situación.