EDUCACIÓN

Peches nos IES da Galiza para rexeitar as medidas contra o Ensino público

Foto cedida pola CIG
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reclama, máis unha vez, que a Consellaría de Educación non aplique as medidas impostas desde Madrid e que recorra o decreto perante o Constitucional por invadir competencias da Xunta

Tras as multitudinarias mobilizacións emprendidas o 10 de Maio na Galiza en contra dos recortes no Ensino público e da suba das taxas universitarias, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino público comeza nesta segunda feira encerros rotativos en centros educativos para evitar que a ensinanza galega retroceda máis de 20 anos.

A Plataforma chama ás mobilizacións para evitar que o ensino galego retroceda máis de 20 anos

Así as cousas, o IES Rosalía de Castro en Compostela foi o primeiro elo desa cadea que ten por obxectivo manifestar o rexeitamento ao RD Lei 14/2012, publicado polo Goberno español, e exixir da Consellaría de Educación que non o aplique e que o recorra perante o Tribunal Constitucional por invadir competencias das que é titular a Xunta de Galiza. O colectivo rexeita os recortes propostos e denuncia que "o ensino público e a súa calidade vense atacadas con eles, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado". Consideran que se aumentará o fracaso escolar e que máis de 2.000 docentes quedarían sen traballo na Galiza.

Baixo o paraugas do colectivo están AS-PG, Comités, BNG, CIG-Ensino, Galiza Nova, Liga Estudantil e varias asociacións de nais e pais da Galiza. Todas estas organizacións concordan en que, de se aplicaren no País as medidas ditadas en Madrid, suporía un incremento nas ratios do alumnado por aula até 30 en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. "A poboación en idade escolar está escolarizada, mais non está educada. Está almacenada", sinalou o responsábel nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, ao repasar as labazadas, propinadas ou consentidas, desde a Xunta nos últimos tres anos de goberno da dereita.

"A poboación en idade escolar está escolarizada, mais non está educada. Está almacenada"

Alén disto, nos dez primeiros días lectivos de cada baixa o profesorado non será substituído, segundo proclama o RD 14/2012, o que supón "a vulneración do dereito fundamental á educación", quéixase Louzao, e deseguido lembra que nas convocatorias de folga feitas polas organizacións sindicais "non hai problema en fixar servizos mínimos".

Desde CIG-Ensino en particular, e desde a Plataforma en xeral, lamentan que o Goberno español e o galego estean a aproveitar a maioría absoluta "para levar a cabo medidas que son ilegais, mais que só os parlamentos ou o valedor poderían recorrer", explicou Louzao en referencia ao Real Decreto-lei 14/2012.

Seguindo coas medidas que contempla, elimínase o requisito de ofertar dúas modalidades de Bacharelato. O centro escolar fica facultado para escoller impartir unha soa modalidade "discriminando o alumnado polo lugar no que vive", detraendo "aínda máis" poboación ao rural, e incrementando o abandono escolar ou obrigando ao desprazamento até aquel lugar onde se imparta a póla que se desexa cursar "sen bolsa e sen transporte de balde".

A implantación de ciclos de formación profesional atrásase "precisamente nun momento de crise económica, cando moitas persoas buscan unha mellor e máis actualizada formación", tendo en conta tamén neste punto a necesidade de ciclos adaptados ás demandas das mulleres fronte unha oferta a día de hoxe masculinizada.

E, finalmente, despois de endurecer as condicións para acceder a unha bolsa de estudos ou para a conservar, proponse un incremento das taxas universitarias que podería chegar até o 66%. Desde a Plataforma tildan esta suba de "desorbitada" e alertan de que, de saír adiante, as universidades públicas "non poderán cumprir o papel de inclusión e igualdade social". Cómpre lembrar que os reitores das tres Universidades galegas manifestaron xa a súa postura de rexeitamento, e exixiron da Xunta que esa alza non se aplique na Galiza.

Cómpren máis ciclos de formación profesional e que respondan ás demandas das mulleres

Que esta folla de ruta "contra" o Ensino público fora escrita en Madrid "retrotráenos á época franquista, non se respecta o Estado das Autonomías". Para evitalo, a Plataforma convocou unha nova acción, os peches nos centros, que arrinca en Compostela. Despois chegarán Ferrol --15 de maio--, Verín --18 de maio--, Vigo --21 de maio--, A Coruña --22 de maio--, Pontevedra --23 de maio--, Lugo --24 de maio--, Burela --25 de maio--, O Morrazo --29 de maio--, A Guarda --30 de maio--, Carballo --31 de maio-- e Ourense --1 de xuño--.