Feche solidario de 48 horas en Coia pola absolución de Diego Lores

Imaxes: GZContrainfo

Diego Lores enfróntase esta terza feira a un xuízo no que se piden para el 3 anos e medio de prisión e unha responsabilidade civil de máis de 30.000 euros polos protestos da ‘Rotonda de Alfageme’. Centos de persoas arroupárono no inicio do feche.Vídeo no interior

Este domingo comeza o feche de 48 horas na parroquia Cristo da Vitoria, en Coia, Vigo, para pedir a absolución de Dielo Lores. Centos de persoas arropuaron o activista na comparecencia de imprensa para falar do inicio deste acto. Diego vai ser xulgado esta terza feira. A fiscalía rexeitou por dúas veces facer parte do proceso contra este activista, mais si hai acusación privada: a Policía Local. Acusan Diego Lores de suposta agresión a un axente durante os protestos que decorreron hai dous anos en Vigo contra o proxecto de instalar un barco nunha rotonda, uns cartos, sosteñen os opositores, moito máis necesarios en cuestións sociais. Piden para el 3 anos e medio de prisión e unha responsabilidade civil de máis de 30.000 euros.

O fechamento prolongarase durante este domingo e toda a segunda feira. Haberá diversas actividades, desde contacontos e palestras até música (Mini e Mero), proxeccións e obradoiros. A terza feira, ás 9:00 da mañá, haberá unha marcha a pé até os xulgados onde vai decorrer a vista e alí realizarase unha concentración.

Os apoios a este activista foron constantes ao longo das últimas semanas e procedentes de diversos sectores e desde diferentes lugares. Un manifesto impulsado pola Asemblea de Coia en solidariedade con Diego e pedindo a súa absolución reuniu unha manche de voces. De Manuel Rivas e Méndez Ferrín a Fermín Muguruza ou O Leo, de Martiño Noriega a Olalla Rodil ou Anna Gabriel. De Torres Queiruga a Carlos Taibo, Teresa Forcades ou Miren Etxezarreta. “Tendo sempre por bandeira a non violencia, a resistencia pasiva e a desobediencia pacífica, paralizáronse as obras. As forzas de orde público interviñeron, e comezaron a chegar as multas e as detencións: tras Xurxo, foi a quenda a Diego. Agora, dous anos despois, dará comezo o seu xuízo”, denunciaban neste escrito.

"Meter medo"

Nunha recente entrevista en Sermos Galiza, Diego Lores reflexionaba que "as multas, os xuízos, meten medo á xente, mais creo que, pasado todo este tempo, podemos dicir que gañamos. O barco está na rotonda si, mais durante todo aquel tempo fomos quen de xerar preguntas sobre que modelo de cidade queriamos, sobre onde se invisten os nosos cartos, de como desobedecer con argumentos e sen violencia proxectos 'faraónicos' como aquel...