Feche de 24 horas do persoal de Urxencias do Clínico compostelán

A proposta de Xerencia non convence os traballadores e traballadoras do servizo, que suman xa catro xornadas de greve. A asemblea acorda un fechamento para o 19 de decembro.

As diferentes categorías do persoal de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Compostela (CHUS) aprobaron en asemblea realizar un feche de 24 horas o vindeiro 19 de decembro e unha manifestación por Santiago o día 9 de xaneiro.

 

Intensifícase pois a loita de Urxencias do CHUS. Entre as demandas do persoal, entre outras cuestións, figura a elaboración do plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, a dotación de suficientes meios humano en todos os colectivos, a reposición do material deteriorado, obsoleto e/ou descatalogado e dotación de material necesario en cada posto, ou a cobertura do 100% das ausencias dos traballadores.

 

O comité de greve reuniuse esta segunda feira coa Xerencia. No encontro a dirección do CHUS ratifica a súa proposta “de persoal de 2 médicos, 5 enfermeiros e 5 auxiliares de enfermaría e, como novidade, propón o peche dunha parte do servizo en concreto de 10 ocos de ‘sillóns’ que se abrirían cando fose necesario con persoal alleo ao servizo”, informan desde a parte social.

 

A proposta de xerencia foi rexeitada en asemblea. “Todos os traballadores reclaman que todos os ocos do servizo de urxencias deben estar abertos e dotados de persoal”, indica o comité.