Vía Galega rexistra unha moción con propostas para atallar a emigración

Anxo Louzao, da portavocía de Vía Galega, no Rexistro da Xunta

Representantes de Vía Galega, Plataforma en defensa dos dereitos sociais e nacionais de Galiza, presentaron no Rexistro da Xunta unha moción dirixida aos concellos na que instan a defender e pular por políticas “que atallen a emigración”. A iniciativa enmárcase na campaña "Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno", que Vía Galega presentou recentemente na capital galega.

Na moción contémplanse diferentes propostas e achegas sobre este tema, como constituír no Parlamento galego un relatorio sobre a emigración co obxecto de que, no prazo de cinco meses, estude e propoña medidas e políticas necesarias para rematar con este drama social que golpea o pobo galego.

Na última década emigraron da Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, “por falta de oportunidades laborais no noso país, co que iso significa de perda de poboación”. Para Vía Galega, a “condición periférica e subordinada” da economía galega, a “destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación” están na base do “devalo demográfico do país e do aumento da emigración”.