Vía Galega pide traballo na Galiza para mozas e mozos

Rolda de prensa de Vía Galega esta segunda feira en Compostela.
A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, Vía Galega, presentou esta segunda feira en Compostela a campaña Non emigramos, expúlsannos que pretende “servir de revulsivo” para que a sociedade galega “recoñeza o problema da emigración” e reclame solucións aos poderes públicos.

O próximo día 21 Vía Galega rexistrará unha moción en todos os concellos do país na que chama a atención sobre unha “emerxencia nacional”: a emigración de 216.000 persoas nos últimos dez anos. “Unha sangría”, en palabras dunha das voceiras da plataforma, María Xosé Bravo, que subliñou dous datos: 80.000 mozas e mozos emigraron nese período e a poboación galega representa hoxe 5,7% do total do Estado, a metade do que representaba a finais do XIX.  

María Xosé Bravo, que comezou a rolda de prensa mostrando a solidariedade de Vía Galega co pobo catalán despois de coñecerse esta mañá a sentenza do xuízo ao procés, estivo acompañada por Lucía Veciño, Vitor SanabriaSalvador Soutullo e Anxo Louzao, en representación de distintos colectivos que participan da plataforma.

Ademais da moción nos concellos, a campaña interpelará os grupos políticos con representación no Parlamento galego. En opinión de Vía Galega, “fálase de despoboamento, de avellentamento da poboación, da caída da natalidade, pero de nada valerá poñer freo a todo iso se logo as mozas e mozos volven emigrar”. Por iso, a iniciativa pretende conseguir compromisos concretos do Parlamento e do Goberno galego en políticas de creación de emprego e de incentivos ao retorno da mocidade que abandonou o país.

María Xosé Bravo apelou “á defensa dos sectores produtivos da Galiza” para garantir oportunidades de emprego no país, mais tamén sinalou o emprego público como parte da solución. 

“Quen os expulsa?”, preguntou un xornalista. “Son as políticas que non teñen no emprego un eixo básico. Non é unha maldición bíblica, porque este é un país rico... fomos unha potencia na pesca, no sector agrogandeiro, e hoxe póñensenos atrancos para construír barcos e vemos como a pouca industria que queda está nunha situación de crise tremenda”, respondeu María Xosé Bravo.