Fechados novamente os parques de bombeiros de Chantada e Vilalba por falta de persoal

Parque de bombeiros de Chantada (Foto: Google Maps).
A folga no servizo de bombeiros galegos iniciouse xa o pasado verán para exixir ás Administracións unha mellora das condicións laborais e solicitar un incremento de persoal.

Os parques de bombeiros de Vilalba (Terra Chá) e Chantada (comarca homónima) volveron permanecer fechados durante esta terza feira pola ausencia de traballadores dos servizos mínimos, segundo informou a Deputación de Lugo nun comunicado.

En concreto, dos tres efectivos necesarios en cada instalación para cumprir os mínimos estabelecidos, esta mañá só se presentaron dous empregados en Barreiros, así como un en Chantada e outro en Vilalba.

A pesar de que foron avisados os reténs designados, tampouco acudiron e non foi posíbel a mobilidade de operativos doutras bases, xa que tamén estaban a cubrir servizos mínimos.

Recolocación de efectivos

Así, o Consorcio decidiu recolocar o efectivo de Vilalba no parque de Barreiros e o de Chantada no de Monforte de Lemos, desde onde se atenderán as posíbeis incidencias, quedando fechados os seus respectivos parques até este sábado ás 09 horas.

A folga

A folga no servizo de bombeiros galegos iniciouse xa o pasado verán para exixir ás Administracións unha mellora das condicións laborais e solicitar un incremento de persoal.