Fechada ao tráfico a N-642, a principal vía da Mariña, debido a un derrubamento provocado polas chuvias

N-642

Técnicos do Ministerio de Transportes estudan alternativas ao tráfico, que agora se desvía pola LU-P-1502 ou a LU-162.

A estrada N-642, que une os municipios da Mariña, permanece cortada ao tráfico á altura do acceso a Burela desde Foz desde a mañá deste sábado debido a unha fochanca producida polas fortes chuvias caídas na zona nos últimos días cos temporais Gerard e Fien.

Segundo fontes da DXT, o tramo que se tivo que cortar é o que transcorre entre os quilómetros 41 e 44 desta vía, á altura da praia de Areoura, no municipio de Foz.

En concreto, o treito fechado coincide coa zona onde a estrada se desvía ou para Burela ou para a variante. De feito, o alcalde do municipio, Alfredo Chairo, non ocultou a súa preocupación polo punto no que se produciu o desprendemento e afirmou que as consecuencias deste derrubamento son "un fastidio".

Así, confirmou que estes desprendementos "poden dar lugar a que caia na súa totalidade un tramo". Ademais, destacou a importancia desta vía na Mariña, xa que é "case o único medio de comunicación e por aí desprázase todo o mundo entre os municipios".

Técnicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) estudan xa unha alternativa para o tráfico na zona, que nestes momentos está desviado pola estrada LU-P-1502, da Deputación, e a LU-162, da Xunta da Galiza, para "chegar a Burela por Monte Castelo".

Neste contexto, o rexedor urxe unha solución especialmente por ser a vía de entrada ao Hospital Comarcal da Mariña, situado en Burela, e tamén por ser unha estrada con tráfico de camións do porto pesqueiro ou de transporte de madeira, entre outros. Con todo, Alfredo Chairo asegurou que a estrada estaba "en perfecto estado", pero "a acumulación constante de auga" nas últimas semanas terminou por desgastala.

O alcalde de Burela recoñeceu que as obras poden estenderse no tempo e non cre que se resolva durante a fin de semana. O problema agora, insistiu, é a alternativa. Ademais, indicou que os técnicos estudan realizar unha obra para construír unha vía alternativa.

Alternativa

Desde Cangas de Foz, a ruta do itinerario recomendado polo Mitma pasa polas estradas LU-162, cara Ferreira do Valadouro, e LU-P-1502, en sentido Burela. De maneira alternativa, desde a LU-162 en Ferreira do Valadouro, o itinerario poderá continuar pola LU-161 e a LU-540 até Viveiro, para incorporarse novamente á N-642 a través da CG-2.3 en Xove. 

Da mesma maneira, o Mitma confirmou que o corte responde á "acumulación de auga derivado dos últimos episodios de intensas chuvias na marxe esquerda desta estrada e á aparición de gretas e unha focha, no punto quilométrico 42,3". 

Ante esta situación, o Ministerio trasladou que xa traballan na zona "con medios materiais e humanos" e analiza as distintas solucións ao problema "para que as afeccións sexan as mínimas posíbeis".