Autorización de catro eólicos

Os favores de Beatriz Mato a Greenalia

Beatriz Mato e o CEO de Greenalia Manuel García nun acto co clúster da eólica mariña de Canarias. (Foto: Europa Press).

Greenalia ten cinco parques eólicos en funcionamento cunha potencia total instalada de 74,6 megawatts, no procedemento de autorización de catro deles participou Beatriz Mato como conselleira de Medio Ambiente. Actualmente Mato é membro do consello de administración da compañía enerxética con sede na Coruña.

O 24 de agosto de 2020, Beatriz Mato presentouse en Ourol como directora de Desenvolvemento Corporativo e Sustentabilidade de Greenalia para anunciar unhas axudas á escolarización dun máximo de 60 euros para menores de 15 anos e o agasallo dunha mochila para estudantes nesta franxa de idade. Cinco anos antes, a Xunta da Galiza fechou o colexio da localidade por falla de alumnado, nun concello con 156 aeroxeradores e que perdeu desde a instalación dos primeiros eólicos fai 25 anos de 562 persoas, máis máis de 40% dos residentes.

Mato coñecía o complexo eólico levantado por Greenalia neste concello. O denominado pola compañía parque eólico Ourol é unha instalación de 22,5 megawatts e unha produción de 65.000 megawatts hora e ano, cuxos dereitos mercou a eléctrica galega en 2017 a Enebro Renovables S.L, unha sociedade participada pola construtora Taboada y Ramos, empresa fundada polo concelleiro de Alianza Popular Manuel Taboada e favorecida polos contratos públicos dos Gobernos do PP.

Beatriz Mato, como conselleira de Medio Ambiente, participou en diferentes momentos no procedemento de autorización dese parque. Así, por exemplo, o 7 de xullo de 2018, o Consello da Xunta, onde sentaba Mato, declarou de "interese especial" o parque eólico de Ourol, "o que ten como efectos a tramitación de forma prioritaria, con carácter de urxencia, e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento". Precisamente a tramitación, de complexos de renovábeis pór esta vía vén de ser declarada ilegal nunha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O parque eólico de Miñón

O parque eólico de Miñón en Vimianzo é outra das instalacións de xeración en funcionamento de Greenalia. O complexo formado por seis aeroxeradores, cunha potencia total instalada de 24 megawatts e unha produción de 71.000 megawatts hora e ano foi o primeiro parque inaugurado pola enerxética coruñesa.

A tramitación deste proxecto arrancou o 26 de outubro de 2017. Uns meses máis tarde, concretamente o 1 de marzo de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, departamento dependente da Consellaría de Medio Ambiente, dirixida naquela altura por Beatriz Mato, informou favorabelmente o proxecto, que en tempo récord conseguiu as autorizacións administrativas.

Finalmente, o 18 de maio de 2018, o Consello da Xunta da Galiza declarou o parque eólico de Miñón "como proxecto de interese especial", o que favoreceu a súa entrada en funcionamento ao acurtar os prazos dun procedemento ordinario.

O 6 de setembro de 2018 Greenalia recibiu boas novas da reunión do Consello da Xunta. Na mesma xuntanza, o Goberno galego, do que facía parte Mato, acordou declarar "proxecto de interese especial" os parques eólicos de Monte Tourado e Alto da Croa II, emprazados na Costa da Morte e considerado polas entidades ecoloxistas como un só parque.

Monte Dourado e Alto da Croa II

Os complexos de Monte Dourado e Alto da Croa II foron adxudicados pola Xunta da Galiza a Gamesa, no marco do concurso eólico de 2010, convocado por Alberto Núñez Feixoo após anular a poxa realizada polo Goberno bipartito. Oito anos máis tarde, o Tribunal Supremo declarou ilegal parte do mesmo mais as dúbidas non remataron de resolverse a día de hoxe, aparecendo entre os beneficiarios persoas e empresas ligadas politicamente ao Partido Popular, como Breotecnia S.A, de cuxo capital fai parte o alcalde Palas de Rei, ou Renovables San Martiño SL, participada por familiares do alcalde popular de Dozón.

Os dereitos destes dous parques adquiriunos Greenalia en 2018. Monte Tourado, emprazado no concello de Vimianzo, conta cunha potencia de 10,4 megawatts e unha capacidade de xeración de 38.300 megawatts hora e ano. Alto da Croa II, localizado entre Vimianzo e Dumbría, dispón de 10,4 megawatts e unha capacidade de produción de 44.700 megawatts hora e ano. Mato, como directiva da empresa, desprazouse tamén a estes dous municipios da Costa da Morte para anunciar diversos agasallos aos escolares destas localidades.

A participación do departamento de Beatriz Mato en expedientes referidos a Greenalia resultou unha práctica habitual nos seus anos á fronte da Consellaría de Medio Ambiente. Así, en 2017 outorgou a Greenalia diversas autorizacións para botar a andar a central de biomasa en Teixeiro (Curtis), librándoa a consellaría dirixida por Beatriz Mato de "someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común".

Greenalia en números

Greenalia declara unha potencia instalada de 124,6 megawatts. 74,6 megawatts son de orixe eólica e 50 procedentes da biomasa, participando na autorización de 119,1 dos mesmos Beatriz Mato. Mato continúa hoxe de conselleira pero non da Xunta da Galiza senón de Greenalia.