Fátima Solloso: "Aquí en Mondoñedo os callos con garavanzos os domingos son sagrados"
O Candil é un exemplo de entidade social parroquial. A súa responsábel, Fátima Solloso, explica a Nós Diario como mantén a tradición deste estabelecemento situado na parroquia focense de Mondoñedo, na Mariña.
—O Candil é algo máis que unha taberna, non si? Seica ten toda unha historia vencellada á veciñanza.
Si, ten toda unha historia. O edificio data de 1952 e era a antiga escola. Logo pasou a ser teleclub e agora mesmo é o local social veciñal. Na parte de abaixo está a taberna e na parte superior é onde teñen lugar todas as actividades que se organizan durante o ano.
—Cales son actividades máis comúns e habituais que se realizan neste local?
O local acolle de todo, desde reunións até ser o centro de votación cando hai eleccións. As máis concorridas son as relacionadas coa cultura. Aquí é habitual ter veladas de teatro, monólogos e tamén algún que outro concerto. A asociación conta cun grupo de teatro propio da parroquia e ademais veñen outras compañías de fóra a actuar. Fanse cursos de todo tipo. Os últimos que se fixeron estaban dedicados a mellorar a memoria para as persoas maiores do lugar e houbo outro de introdución á poda en fruticultura de árbores como maceiras, arandos ou kiwis.
—Como centro social serán importantes tamén as festas locais, non si?
Desde logo. A máis importante a do San Martiño, en novembro. Aquí conservouse moi ben a tradición. Eu, ademais, téñolle moito cariño por ser a parroquia dos meus avós. Ademais temos o Carme, nunha pequena capela que hai tamén perto.
—A taberna forma parte do local social mais ten personalidade propia.
Quixen poñela ao meu gusto mais tamén contando co que a xente de aquí quería. Ao ser local social dependía das súas necesidades. Eu cheguei hai 13 anos de Ribadeo despois de que a miña nai, que é de aquí, me comentara que buscaban alguén que se fixese cargo. Tiña experiencia como camareira desde que empecei a traballar.
—Que ofrece O Candil a nivel gastronómico ás persoas que se acheguen ao local?
Non dou comidas e céntrome nas tapas, sobre todo acompañando as consumicións. Unha tradición que seguimos é a dos callos con garavanzos os domingos. O primeiro día xa me puxeron a condición de ter que dalos e tiven que aprender. Son sagrados. Sigo a receita que me aprendeu a miña nai, a quen lle ensinou a súa sogra. O produto é local, como por exemplo as fabas, que emprego moitas veces de tapa, que lle merco a un veciño de aquí. É un produto moi querido.
—Que significa estar ao lado dun monumento tan importante como é a basílica de San Martiño?
Ben, é certo que é que está moi ben valorado. Vén xente de moitos países cada ano para visitalo e queda moi sorprendida.
—Cal foi a razón de escoller Nós Diario como xornal para ter no local?
En primeiro lugar, a razón de ter Nós Diario na taberna é a de colaborar co único xornal diario impreso en galego. Despois, temos en conta que é un medio de comunicación independente. Ademais, nesta parroquia hai varias persoas máis que están subscritas.
Unha basílica única
Na hostalaría un dos principais puntos de atracción sempre é a súa localización. A taberna O Candil é un bo exemplo disto. Situada a poucos metros da que está considerada a basílica máis antiga da península Ibérica, a de San Martiño de Mondoñedo, é o lugar ideal para facer unha parada antes ou despois de visitala.
Como explicou no seu día a Nós Diario a museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, "o devir de San Martiño foi chave na historia medieval do norte galego". Ese papel, a súa boa conservación e contar cun museo propio é un atractivo que aproveitan visitantes de moitas zonas que se achegan ao lugar.