Máis

Faros de Viveiro, Xove e Cervo

O faro de Punta Roncadoira (Xove) foi construído para diminuír o número de naufraxios na zona pola néboa e as rochas. (Foto: J.O.C.)
Alumeando recunchos fascinantes da Mariña.

Entre as vilas de Viveiro e Cervo, na comarca da Mariña, atópanse costas cheas de penínsulas rochosas, praias e cantís que compoñen  unha espectacular e inesquecíbel paisaxe. Historicamente, os mariñeiros tornábanse temerosos cando se achegaban á liña desta costa traizoeira, polo que nestes balcóns ao mar, pódense contemplar varios faros de distinta índole que axudaban, e axudan, aos mariñeiros. A proximidade entre eles permite trazar un camiño doado de realizar -en coche pode facerse en 40 minutos- para o goce de calquera persoa que queira coñecer a terra da cerámica de Sargadelos, na zona occidental da Mariña.

Como se dunha sentinela se tratase, un pequenísimo faro vermello localízase agochado entre árbores na entrada da ría de Viveiro. A construción non ten nada extraordinario, pero as vistas e o monte onde se encontra, con merendoiros, é un moi bo sitio para descansar nunha xornada familiar.

Ao carón deste faro, unhas marabillosas praias franquean os dous costados do Monte do Faro, cuxo nome ten súa orixe nos lumes que se facían na cima moito antes de existir un edificio para tal cometido. Se queremos continuar a marcha, perto, na parroquia de Portocelo (Xove), outro gardián do litoral agarda por nós. Nun abraiante saínte, o branco faro de Punta Roncadoira elévase un cento de metros sobre o mar.

As privilexiadas vistas da accidentada costa e a ampla biodiversidade mariña do lugar conforman uns dos tesouros máis prezados da terra mariñá. A derradeira visita é no Cabo de San Cibrao (Cervo), habitado desde tempos inmemoriais.

Nela temos a nosa particular meta, a Punta Atalaia, con dous faros que serven como transición entre a terra e a infinidade do mar. Desde aquí, vixiaban as xentes da zona posíbeis ataques piratas e tamén se asentaron edificacións ligadas co mar como as antigas fábricas de salgadura.

O faro máis antigo de Punta Atalaia data de 1864 e o novo de 1979. Este último ten alcance de 20 millas náuticas e érguese 94 metros sobre o nivel do mar. A fermosa paisaxe da contorna envolve o ambiente nunha aura máxica e invita achegarse a estes recunchos espectaculares.