Farmaindustria ameaza con estender o conflito da hepatite C a outras enfermidades

A patronal farmacéutica advirte de que a situación que atinxe @s doentes de hepatite C "non vai ser exclusiva desta enfermidade". 

 

Farmaindustria aliñouse con Gilead --o laboratorio propietario da patente do Sovaldi-- e amosoulle o seu apoio incondicional no conflito aberto arredor do novo tratamento para o virus do VHC. Mais non só. A patronal farmacéutica española lanzou unha ameaza velada na que advertiu de que a situación que atinxe @s doentes de hepatite C --que non están a ter acceso aos novos fármacos-- "non vai ser exclusiva desta enfermidade", segundo a información publicada polo xornal Economía Digital

"Prevese que nos vindeiros anos continúen a irromper novos medicamentos de aportación sanitaria excepcional que suporán melloras radicais na esperanza e calidade de vida", sinalan desde Farmaindustria.

A fabricación en exclusiva --por vía das patentes-- da que gozan os laboratorios está a dificultar e mesmo impedir o acceso a tratamentos de última xeración para doentes de enferminades crónicas e mortais. Un feito que acontece con normalidade en países subdesenvolvidos do continente africano mais que agora atinxe tamén a territorios occidentais por mor dos recortes aplicados nos orzamentos sanitarios.

Este privilexio permite á industria farmacéutica especular co prezo dos fármacos multiplicando por 100 o seu custe de fabricación na comercialización.

A fabricación en exclusiva --por vía das patentes-- da que gozan os laboratorios está a dificultar e mesmo impedir o acceso a tratamentos de última xeración para doentes de enferminades crónicas e mortais

Neste senso, desde a patronal española sinalan que "o orzamento público español ten marxe" para facer este investimento. Embora, a partida orzamentaria prevista por Madrid non cubra as necesidades das persoas doentes senón dunhas poucas miles --arredor de 7 mil-- que se atopen na fase de maior desenvolvemento da enfermidade. 

O goberno español, aliñado tamén cos laboratorios

A advertencia lanzada por Farmaindustria diríxese fundamentalmente ao goberno español que, no entanto, tamén semella terse aliñado acarón das farmacéuticas.

E é que no comité que dirixe o Plan estratéxico da hepatite C as persoas que o integran fan parte da contorna máis próxima do propio Gilead, laboratorio propietario do Savaldi como María Butti, xefe de servizo de Medicina Interna no Hospital Vall d'Hebron (Barcelona) e Javier Crespo. Ambos os dous teñen participado en actos organizados e patrocinados por Gilead así como en ensaios clínicos deste laboratorio en relación á hepatite C. 

Aliás, o propio presidente do comité, Joan Rodés --xunto con outro dos expertos nomeados polo goberno, Alfonso Moreno, integran a Fundación Pfizer vencellada ao laboratorio que leva o mesmo nome.