As farmacias no punto de mira: a extensión do sistema público sanitario, a debate

Usuarias dunha farmacia esperan para seren atendidas (Arxina).
As farmacias da área sanitaria de Ourense son as primeiras da Galiza e do Estado en asumir a realización de probas diagnósticas da Covid-19. Unha iniciativa pioneira que a Consellaría de Sanidade impulsou baixo a fórmula da colaboración voluntaria e desinteresada fronte ao avance da pandemia sinalada por colectivos profesionais e sociedades científicas da enfermaría. Critican a falta de seguridade que supón para a cidadanía e o desvío de recursos públicos mais a extensión asistencial do sistema sanitario cara a entidades privadas.
 

As farmacias de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Barbadás, O Irixo e Boborás son as primeiras en realizar tests rápidos da Covid-19. Trátase dunha iniciativa pioneira, na Galiza e no Estado. Desde a pasada sexta feria funciona como experiencia piloto exclusivamente no concello de Barbadás, mais a partir desta cuarta feira, 21 de outubro, estenderase ao resto dos concellos seleccionados grazas ao acordo de colaboración entre o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense e a Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza.

Unha cooperación "totalmente voluntaria e desinteresada", explicou o conselleiro Julio García Comesaña durante o anuncio desta idea coa que o Goberno galego busca "aumentar a capacidade diagnóstica" da enfermidade provocada polo novo coronavirus, facilitar a detección de novos casos positivos máis rapidamente e limitar a transmisión do virus.

O cribado da Covid-19 previsto nos sete municipios seleccionados vai dirixido a calquera persoa asintomática maior de 18 anos, veciña destas localidades, interesada en facer un test serolóxico gratuíto, capaz de detectar anticorpos da infección por SARS-CoV-2.

A metade das 81 farmacias que poden colaborar na realización das probas xa confirmou a súa adhesión ao proxecto de colaboración.

Quen desexe participar debe dirixirse a algunha das farmacias adheridas ao convenio de colaboración, se ben primeiro debe solicitar cita previa. Pódeno facer de forma presencial, nas propias boticas, ou en liña, no enderezo citaprevia.cofourense.com

As cidadás interesadas deberán rexistrarse para coñecer a data e a hora na que poderán realizar a proba. Ese día terán que acudir co seu DNI e portando unha máscara cirúrxica ou FFP2. O procedemento require dun consentimento informado e durará menos de 15 minutos. Nese tempo coñecerán o resultado e poderán marchar, aínda que de atoparen algún positivo, será o persoal da farmacia quen avise os servizos sanitarios do Sergas para que o confirmen a través dunha PCR.

Fase piloto

De momento, só a veciñanza de Barbadás ten a posibilidade de rexistrarse para participar no cribado que a mediados da semana se estenderá ao resto das localidades. Onte, a metade das 81 farmacias que poden colaborar na realización das probas xa confirmara a súa adhesión ao proxecto. "A demanda da cidadanía é moi alta, pero eu pediríalle tranquilidade porque tanto a capacidade das farmacias como o número de estabelecementos vai ir en aumento de forma paulatina. Ademais, o abastecemento de tests está garantido por parte da Consellaría de Sanidade", explica a Nós Diario, Santiago Leyes Vence, presidente do colexio profesional. "Mais nestes primeiros días estamos preparando as farmacias a nivel tecnolóxico para que poidan organizar as súas axendas e estabelecer as citas previas". 

Sociedades científicas e profesionais sanitarias denuncian unha inxerencia que pode sentar precedentes moi prexudiciais para o futuro da Atención Primaria e da sanidade pública.

O obxectivo, di, é trasladarlle á Administración datos actuais en tempo real para facilitar a toma de decisións. "O procedemento é moi doado e coñecémolo ben. En función do resultado informamos a persoa, ben para que continúe coa súa vida baixo as recomendacións sanitarias e as restricións existentes, se é negativo, ben para que sexa o Sergas quen xestione e supervise o seu caso, se é positivo". No momento da proba, aberta a unha poboación estimada de máis de 100.000 persoas, segundo Santiago Leyes, o protocolo exixe todas as medidas de seguridade nun tempo inferior a 15 minutos para evitar que se dea un contacto estreito.

Críticas

O ofrecemento das farmacias da área sanitaria de Ourense, nomeadamente dos concellos coa incidencia da Covid-19 máis alta tanto no conxunto da área sanitaria como da Galiza, foi a primeira en consolidarse. Con todo, García Comesaña asegurou que hai outros ofrecementos doutros colectivos profesionais que confía que saian adiante para "poder colaborar e complementar, desta forma o traballo dos profesionais sanitarios, sumando esforzos na mesma dirección", puntualizan desde a Consellaría de Sanidade.

Un anuncio que motivou as críticas de sociedades científicas e profesionais sanitarias ante unha inxerencia que pode sentar precedentes moi prexudiciais para o futuro da Atención Primaria e da sanidade pública.

Desde a sociedade científica que aglutina as enfermeiras de Atención Primaria da Galiza consideran que a medida, ademais de minguar os recursos destinados á Atención Primaria, non vai reforzar a loita contra a pandemia. "No contexto actual, esta medida xerará duplicidade de probas. Moitas quedarán sen o rexistro axeitado e incrementaranse as dúbidas que repercutirán sobre os profesionais da Atención Primaria", censuran desde a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria. "Xerarase unha sensación de falsa seguridade na poboación no momento menos oportuno co fin de compracer unha necesidade de diagnóstico que non vai achegar maiores certezas, e que só contribuirá a dispersar os esforzos económicos que deberían ser investidos na Atención Primaria", recalcan.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]