Farán falta 286 anos para superar  as leis que discriminan as mulleres

Mulleres en Malaui (Foto: Nós Diario).
A ONU publica un informe sobre a igualdade no mundo.

O quinto obxectivo da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas (ONU) aínda fica lonxe: o mundo non está camiño de lograr a igualdade de xénero en 2030.

A organización publicou un novo informe para avaliar o progreso do panorama de xénero en 2022, segundo o cal a Covid-19 e a oposición á saúde e aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres reduciron aínda máis as perspectivas para lograr a equidade. 

Os niveis de violencia contra as mulleres seguen a ser altos, as crises sanitarias, climáticas e humanitarias incrementaron aínda máis os riscos de violencia, sobre todo para as mulleres e as nenas máis vulnerábeis. Segundo o texto, as mulleres séntense máis inseguras que antes da pandemia. 

Cifras da ONU rexistran que a representación das mulleres nos cargos de poder e de toma de decisións mantense por baixo da paridade. "Case na metade do camiño para alcanzar o punto de chegada en 2030 para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, é momento de actuar e investir nas mulleres e nas nenas", agrega o informe. 

Pobreza e discriminación

Outras cifras alertan de que, en todo o mundo, máis de 380 millóns de mulleres viven na pobreza, mentres que un terzo delas experimentaron inseguridade alimentaria moderada ou grave en 2021.

Perto de 200 millóns de mulleres e nenas en idade reprodutiva viven en países con algún tipo de restrición para o acceso ao aborto seguro, e 54% das menores fóra do sistema educativo formal en todo o mundo residen en países afectados por conflitos. 

O informe conclúe que, ao ritmo de progreso actual, podería tomar outros 286 anos eliminar as leis discriminatorias e superar as fendas imperantes nas proteccións legais para as mulleres, destaca o organismo.