A ONU lanza unha campaña para celebrar o 75º aniversario dos dereitos humanos

As Nacións Unidas valoran os éxitos na defensa dos dereitos humanos desde que foi asinada a Declaración, recoñecendo que aínda falta un treito até a súa aplicación plena e alertando da falta de confianza que xera na cidadanía que os Estados non estean dispostos a garantilos. 
Mobilización feminista no Salvador; o retroceso nos dereitos da muller é unha das principais preocupacións de dereitos humanos. (Foto: Camilo Freedman / dpa)
photo_camera Mobilización feminista no Salvador; o retroceso nos dereitos da muller é unha das principais preocupacións de dereitos humanos. (Foto: Camilo Freedman / dpa)

“Dignidade, liberdade e xustiza para todas as persoas”, este é o lema baixo o que se conmemora o sábado ao longo e largo do planeta a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un texto aprobado hai 74 anos pola Organización das Nacións Unidas (ONU).

O Alto comisionado da ONU para os dereitos humanos, Volker Türk, definiuno como “un texto milagroso”, tendo en conta que “estabeleceu dereitos universais e recoñeceu a igualdade de todas as persoas”, todo isto “nun momento no que o mundo saía de acontecementos catastróficos”, en alusión á Segunda Guerra Mundial. Foi en 1950 cando o organismo resolveu impulsar unha xornada para lembrar e pór en valor o documento.

Türk incidiu en que a Declaración, redactada por delegacións dos 58 membros que tiña a ONU en 1948, é “unha forza unificadora en cuxo centro está a dignidade humana e a obriga de protexernos e coidarnos entre nós como seres humanos”, recoñecendo que aínda queda “un remol de racismo, misoxinia, desigualdade e odio”.

A institución apunta que a pesar dos éxitos que propiciou, como o impulso á creación de máis de 60 mecanismos de protección dos dereitos humanos, amais de ser asumida como base para a lexislación neste eido en múltiples Estados do mundo, distintos fenómenos poñen en risco a súa aplicación plena, como a “crise climática, a pandemia de Covid-19, o aumento dos conflitos, a inestabilidade económica, a desinformación, a inxustiza racial e os retrocesos globais nos dereitos das mulleres”.

Esta situación, percibida como “inaccións e incapacidade de Gobernos e institucións para protexer os dereitos humanos”, está a provocar frustración e falta de confianza da poboación, asume.

Ademais de reclamar á cidadanía que comparta nesta data artigos e información chave arredor dos dereitos humanos, a ONU anunciou a inauguración dunha campaña dun ano de duración até o 75º aniversario da Declaración, en 2023, coa que procura “promover” a proclama “centrándose no seu legado, relevancia e activismo”.

O último informe anual sobre a situación dos dereitos humanos no mundo publicado por Amnistía Internacional, referido a 2021, alerta de que defensoras e defensores dos dereitos humanos foron detidos en cando menos 84 dos 154 países que estudaron.

Ao tempo, 67 Estados aprobaron lexislación que restrinxe o dereito á liberdade de expresión, de asociación e de reunión pacífica, entre eles Camboxa, os Estados Unidos, Paquistán ou Turquía.

Tamén analiza os efectos da Covid-19 desde a perspectiva dos dereitos humanos, criticando que “países ricos como os Estados membros da Unión Europea, Noruega, Suíza e Reino Unido” bloquearon as propostas para aumentar a produción mundial de vacinas ou para “exencións temporais dos dereitos de propiedade intelectual”, garantindo o desabastecemento destes medicamentos nos países de baixos ingresos, “aínda que a maioría das farmacéuticas recibiu fondos públicos”.

Nesa liña, dos 45.000 millóns de euros comprometidos en 2020 polo G20 para condonar a débeda dos países máis necesitados apenas se fixo efectivo unha cuarta parte.

Compostela acolle o relato da guerra en Colombia

O Círculo de Artesáns da capital galega é o lugar escollido por Amnistía Internacional e NODO Madrid para debullar a partir das 19.30 do sábado o informe Hai futuro se hai verdade, desenvolto pola Comisión da Verdade de Colombia para estabelecer un relato das causas das seis décadas de violencia armada que asolaron o país.

Para explicar o sucedido participarán Roland Higuita e Mariana López, integrantes dos NODO, grupos autónomos que dan apoio e difusión aos resultados da Comisión da Verdade, desenvolta como parte do acordo de paz entre o Estado colombiano e as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia hai máis de seis anos.

Comentarios