Familias de residentes concéntranse no Morrazo e advirten que "os centros non están preparados" para a Covid

Concentración de familias de residentes de DomusVi Aldán e DomusVi O Barreiro o 23 de agosto de 2020 (Imaxe: REDE).
Familiares de usuarios e usuarias das residencias de DomusVi reclaman cada domingo unha incestigación independente e pública sobre o acontecido durante a pandemia.

Este domingo, familiares de residentes dos centros DomusVi O Barreiro, no concello de Vigo, e DomusVi Aldán, no de Cangas, concentráronse en Moaña para exixir unha investigación sobre o acontecido na pandemia. Nesas residencias, que tiveron que ser intervidas pola Xunta tras rexistraren focos da Covid-19, faleceron segundo as familias “38 persoas”, cifra que a Xunta reduce a 22.

“Desde a primeira fin de semana do mes de xuño, cando rematou o estado de alarma, concentrámonos na área do Morrazo e explicamos os nosos motivos para que outras familias se sumen a nós”, explica a Nós Diario Helena Martínez, unha das participantes.

Martínez denuncia que non recibiu “nin tan sequera o pésame” da directiva do centro. “Houbo desinformación durante todo o confinamento, non tiñamos información dos nosos familiares e seguen sen querer darnos explicacións, sen querer recibirnos”, agrega.

As familias denuncian que os centros non reforzaron os seus cadros de persoal desde que a Xunta lles retirou a súa tutela. “Non se cubriron as vacacións do fisioterapeuta, e iso que os residentes estiveron fechados nos seus cuartos semanas, nin tampouco todas as horas do médico”, exemplifica Miguélez.

A maiores, até o día de hoxe os centros prohibiron as visitas os domingos. Unha medida criticada polas familias, moitas das cales non poden desprazarse até os centros en días laborais para visitar aos seus maiores. “Fóra desa hora de encontro, os centros non facilitan as videochamadas”, apunta Helena Miguélez.

Segundo apunta, “os centros non están preparados para un segundo foco”. “Acontecerá o mesmo que xa aconteceu”, di esta familiar, quen asegura que o confinamento deteriorou a saúde dos maiores. “Se os centros de día detectaron un empeoramento, no caso das residencias é moito peor”.

Coincidindo co quinto mes desde que a Xunta interveu os centros de DomusVi en Aldán e no Barreiro, as familias concentraranse na porta do primeiro o vindeiro domingo. “O que vivimos foi moi duro, non queremos que se repita”, conclúe Miguélez.