Familias do 'Vila de Pitanxo': "Se non apremamos parece que non nos fan caso"

Concentración en Marín en apoio ás familia das vítimas do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Álvaro Ballesteros).
Sopesan presentar unha denuncia  no penal debido ás causas do naufraxio.

Este sábado fanse 20 días do naufraxio do 'Vila de Pitanxo' en augas de Terra Nova, sinistro que deixou 21 falecidos, dos que 12 corpos seguen desaparecidos. "Estamos á espera, a ver se se dan os pasos prometidos para seguir coa busca e recatar os corpos", sinala a Nós Diario Kevin González, fillo de Fernando González, engraxador e un dos tripulantes desaparecidos.

A guerra en Ucraína ou a sucesión de Alberto Núñez Feixoo na Presidencia da Xunta copan agora a actualidade mais, recoñece González, os familiares seguen a esperar "solucións".

Neste sentido, manifesta que teñen a impresión de que "hai que estar apremando, se non parece que non nos fan caso ou que as cousas van atrasadas", en referencia aos compromisos adquiridos polas Administracións a respecto da busca e rescate dos falecidos que están desaparecidos.

"Estamos cansos, fatigados, é un non parar, sempre con tensión...", recoñece, de aí a "necesidade" de que se active a busca para atopar os corpos. "Din que teñen un robot especializado para facelo, mais que non se pode empregar até que na zona haxa bo tempo e hai quen di que iso non será até maio".

Denuncia

Algunhas das familias dos mariñeiros do 'Vila de Pitanxo', non todas, están a sopesar a posibilidade de interpor unha denuncia penal. Así o veu confirmar Carolina Arévalo, esposa de Jonathan Calderón, un dos mariñeiros desaparecidos: "O obxectivo é, en principio, que se saiba a verdade, o motivo do accidente".

Hai familias que queren "respostas" sobre as causas do naufraxio, pois teñen "dúbidas" sobre a versión da armadora apuntando un fallo no motor principal do buque. "Pinta que non foi un accidente", indica González, "e que puido ser por outros motivos, imprudencias".

Neste sentido, hai familiares que recoñecen que as recentes novas sobre as varias sancións por infraccións graves de pesca ilegal que acumulaba o 'Vila de Pitanxo' non axudan precisamente a "tranquilizar".

A opción de recorrer ao penal levaría o tema á Audiencia Nacional, que é quen ten as competencias naqueles supostos delitos cometidos fóra do territorio do Estado español.

"Son abandonados"

Máis contundente é nas súas declaracións Xabier Aboi, da CIG-Mar, que considera que as familias "están sendo abandonadas" polas Administracións agás no que respecta "ao tema das atencións". Para Aboi, están a "dar longas" ás familias e "non hai argumentos" para explicar o motivo de que non se estea en operativo de busca. "Perdeuse un tempo precioso", considera, e mantén que "hai dúas varas de medir: mandan antes as fragatas ao de Ucraína que a rescatar os corpos de mariñeiros galegos".

Para Manuel Martínez, que sobreviviu a un naufraxio en augas da costa do sur de África, "o Estado ten a responsabilidade de recuperar os corpos dos seus mariñeiros, iso é algo que os ingleses teñen moi claro, por exemplo. As familias non van descansar até que se recuperen e o Goberno dá unha imaxe penosa".