Familias de Lugo peregrinan contra a ''discriminación'' das escolas rurais

As asociacións de nais e pais dos CEIP de Cervantes, Samos, O Incio, Navia de Suarna, Doiras, Becerreá e As Nogais botáronse a andar este sábado para completar a primeira das etapas en que dividiron o Camiño francés en protesta polos recortes no ensino público, que provocarán nos centros do rural o retorno ás escolas unitarias do franquismo. Chegarán a Compostela o 12 de setembro, canda o arrincar do curso

Após crearen a plataforma Pola Defensa da Montaña, as familias dos CEIP de Cervantes, Samos, O Incio, Navia de Suarna, Doiras, Becerreá e As Nogais botáronse a andar para protestar pola eliminación de unidades escolares e de prazas de docentes que a Xunta de Galiza anunciou nestes centro a partir de setembro. Percorrerán a pé o camiño francés até Santiago, e farano por etapas. A primeira arrincou ao redor das nove menos cuarto da mañá deste sábado, e nela participan case cen persoas, entre nais, pais e persoal docente, ataviad@s cun lazo verde en defensa do ensino público.

Unha das peregrinas é Vanesa. Aproveitamos unha parada na camiñata para falarmos con ela. Ao igual que en moitas outras escolas do rural, nestas sete o alumnado ficará agrupado en dúas unidades: primeiro e segundo por un lado, e terceiro, cuarto, quinto e sexto polo outro. "Un neno que aprende a multiplicar examinarase cun de sexto, e elimínannos un especialista de Infantil para termos un de Educación Física. É que os nosos nenos non son como os das cidades?". As drásticas medidas tomadas pola consellaría de Educación suporá un recorte en medios económicos e humanos que se traducirá, na práctica, nun retorno ás escolas unitarias do franquismo: nen@s con idades moi dispares convivirán na mesma aula.

"Queremos facernos oír, porque xa abonda! Queren botarnos do rural e temos que impedírllelo", di Vanesa, nai dun alumno do CPI de Samos. Nais e pais exixen do Goberno galego que protexa o dereito das crianzas da montaña a recibiren unha educación de calidade, e neste empeño as ANPAS do Ribeiro, que se constituíron en plataforma, apoiarán a camiñata das familias lucenses. "Abriremos a convocatoria a todos os pais do rural de Galiza, para que inicien o camiño desde as catro provincias, cada cal a ruta que lles toque, e xuntarnos todos en Compostela".

Tal e como nos contou Vanesa, farán cadrar a última etapa do Camiño, que une o Monte do Gozo e Compostela, co 12 de setembro, día en que inicia o novo curso escolar 2012-2013, onde se farán efectivos os recortes. Cadrando con tal data, convocarán unha concentración na capital do país para insistiren no seu rexeitamento á "discriminación" coa que o departamento de Jesús Vázquez está a gobernar respecto das escolas rurais. Entenden que @s nen@s de Infantil non recibirán a formación adaptada á súa idade "nunha etapa que é fundamental para a súa formación" porque non haberá docentes especializad@s; na Primaria "serán poucos mestres para tantos alumnos", polo que a atención brindada non será tampouco a requerida.