Familiares e vítimas do accidente do Alvia piden xustiza desde Rois

Familiares das vítimas mortais do accidente do Alvia reunidos onte no Pazo do Faramello (Rois). (Foto: Asociación Plataforma Vítimas do Alvia).
Nun emotivo encontro promovido pola Asociación Plataforma Vítimas do Alvia, as familias lembraron e honraron a memoria das 80 persoas falecidas naquela traxedia de 2013.

As familias das vítimas do accidente ferroviario do tren Alvia que tivo lugar na parroquia compostelá de Angrois o 24 de xullo de 2013, reuníronse esta segunda feira, como veñen facendo desde hai uns anos (interrompidos nas últimas dúas ocasións pola pandemia da Covid-19) no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello no concello de Rois.

Nun emotivo encontro promovido pola Asociación Plataforma Vítimas do Alvia, as familias lembraron e honraron a memoria das 80 persoas falecidas naquela traxedia de 2013.

"Compartimos momentos de recordo, momentos de emoción e momentos de lembranza, con todo tamén compartimos momentos de frustración e indignación por como decorreu todo nestes últimos nove anos", declarou onte a Nós Diario Jesús Domínguez, presidente e portavoz da Asociación Plataforma Vítimas do Alvia.

Para Domínguez, este encontro de familiares das vítimas é necesario, porén "duro de facer, hai moita emoción porque lembramos as vítimas dun tráxico accidente sobre o cal seguen sen dirimirse as responsabilidades após case unha década".

A este respecto, Domínguez asegura que "unha xustiza lenta non é xustiza" e lamenta que haxa familiares que faleceron desde o día do accidente e que, por tanto, "non poderán ver se se depuran responsabilidades ou non, é indignante".

Falta de esperanza

O presidente e portavoz da Asociación Plataforma Vítimas do Alvia confesa ter "pouca esperanza de que no xuízo se depuren as responsabilidades políticas e técnicas visto o acontecido nos últimos tempos, mais non imos deixar de loitar en ningún momento". 

Para alén diso, Domínguez e o resto de familiares continúan a exixir unha investigación independente sobre o acontecido o 24 de xullo de 2013: " É triste que nove anos despois, no canto de só render homenaxe ás vítimas, teñamos que seguir pedindo xustiza e reivindicando unha investigación independente que todos se negan a facer". Lembra ademais que o Goberno español non cumpriu coa obriga de investigar pola falta de independencia e por non analizar as causas que precisamente afectan a Fomento, Renfe e Adif".

"Di moi pouco das nosas institucións que aínda non se puxo en marcha esa investigación. Non o fixeron nin os Gobernos do PP, nin do PSOE, nin o deste último en coalición con Podemos pese ao apoio inicial e o posterior silencio. Seguimos exixindo que se faga esta investigación", manifesta Domínguez a este xornal.

As familias cren que desde un primeiro momento "se contaminou a opinión pública, tratando por todos os medios de botar a culpa ao último elo da cadea, o maquinista", culmina.

Feixoo e Rueda, albos de críticas

Acerca das reunións con representantes políticos, Jesús Domínguez asegura que, a pesar de que o ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, si os recibiu para unha reunión, prohibiulles a entrada ao acto de entrega de medallas ás vítimas no primeiro aniversario algo que cualifica de "actitude lamentábel, antidemocrática e contraria aos máis mínimos sentimentos de humanidade". 

Rueda para nós foi unha persoa 'non grata' desde o principio

Sobre o actual presidente da Xunta, Domínguez asegura que "non esperamos absolutamente nada del, Rueda para nós foi unha persoa 'non grata' desde o principio".