Familiares de usuarias de residencias urxen un protocolo para as visitas

A residencia San Carlos, de Celanova, rexistrou un grave brote de coronavirus (Rosa Veiga Europa Press)

Nun comunicado conxunto, as familias de residentes na San Carlos de Celanova e en Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras demandan poder visitar aos seus asumindo medidas de protección.

As familias das persoas residentes nos centros de maiores Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras e San Carlos de Celanova advirten sobre os problemas que pode traer o illamento á saúde mental dos seus familiares despois de dous meses de confinamento.

Nun comunicado conxunto, que conta co apoio da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) e do Movemento Galego da Saúde Mental, e orientadas polo consello de médicos, psicólogos e psiquiatras, queren que se poñan en marcha iniciativas semellantes ás que se realizan noutros territorios do Estado español.

Protocolo en Catalunya

Un do exemplos que poñen é o que leva a cabo a Associació Professional Catalana de Directores de Centres i Serveis d'Atenció a la Dependència (ASCAD) para iniciar o desconfinamento das persoas maiores que inclúe as visitas de familiares.

Entre os consellos do protocolo figura facilitar o contacto telefónico e, na medida do posíbel, as vídeo-chamadas. “Esta debería de ser unha obriga por parte das residencias”, sinala a Nós Diario María Rodríguez, voceira deste colectivo, “as persoas maiores que están nas residencias teñen que sentir que estamos con elas”, engade.

As familias aseguran que hai “un primeiro grupo de usuarias e usuarios que habitualmente facían vida normal fóra da residencia e que estarían en condicións de volver facela” e “outro grupo que non foron afectados pola COVID-19 e que xa superaron o tempo de corentena e que poderían, coas medidas de protección individual e distanciamento esixidas, recibir a visita dalgún familiar”.

Consultado por Nós Diario, o psicólogo Luciano Ramírez afirma que ”en termos  psicosociais é moi positivo arbitrar os medios necesarios para garantir, dentro das posibilidades existentes, o contacto coa familia”. Explica que este contacto “seguindo as máis estritas normas de seguridade” facilitaría a posibilidade de “sacar o mellor delas” nunha situación como a que están a vivir nas propias residencias.

Petición á Área sanitaria de Ourense

As familias piden no comunicado que a Área Sanitaria de Ourense actúe. “Entendemos que o obxectivo básico nestas primeiras fases do desconfinamento xeral o obxectivo principal segue sendo a protección do centro, evitando vectores de contaxio”, explican no seu comunicado. Aseguran que se comprometen a asumir “todas as medidas de autodesinfección e autoprotección aportando luvas, máscaras e a roupa que se nos indique”, e tamén “a colaborar coa dirección para organizar as visitas; empezando por unha persoa por residente, cunha duración máxima de 15 minutos e nos espazos exteriores do centro, tal e como recomendan os expertos”.