Familiares de residentes urxen reforzar o persoal dos centros

Concentración diante da residencia DomusVi de Aldán, en Cangas (Vellez Digna).
O último DOG antes das eleccións do 12 de xullo recolle a reapertura dos centros de día, despois de que a Xunta a fixase para o mes de setembro.

"Non podemos agardar a que se forme un novo Goberno, por iso pedimos a Xunta da Galiza un plan de choque urxente de reforzo inmediato do persoal das residencias de maiores e mais do de Atención Primaria, xa que non hai outra posibilidade de que os maiores reciban os coidados que precisan na situación actual". É  a reclamación que a Federación Galega de Usuarias e Familiares de Residencias e Dependencia, Rede, lanzou á Administración galega na xornada de onte nun comunicado.

A plataforma que agrupa residentes e familiares asegura que tras a reapertura destes centros agravouse a falta de profesionais, ao tempo que aumentou a carga laboral. Isto provoca que se dificulte o acceso ás visitas en aras de minimizar o tempo destinado a atender e acompañar as familias. "Desde o 18 de maio, cando se puideron retomar as visitas, os atrancos para acceder aos centros foron aumentando e a información continúa a ser escasa e insuficiente", censuran desde Rede.

As mesmas limitacións impedirían, segundo o colectivo, o seguimento do estado de saúde das e dos residentes que padeceron a COVID-19 nas pasadas semanas e das restantes persoas usuarias, que permaneceron tamén illadas durante o confinamento.

Os sindicatos CIG, UXT CC.OO. e CSIG suman seis semanas de protestas reclamando unha mellora das condicións laborais das e dos profesionais dos centros residenciais. Aseguran que o recorte dos dereitos laborais veuse agravado coa crise sanitaria e demandan á Consellaría de Política Social un cambio no modelo residencial. 

Centros de día

Ás portas da cita coas urnas do 12 de xullo, a Xunta da Galiza publicou onte a orde que recolle a reapertura dos centros de día o vindeiro 15 de xullo, fixada inicialmente en setembro antes de que as protestas de familiares ou entidades sociais forzasen un adianto desa data. Galiza é o único territorio do Estado que mantén fechado este servizo.

A orde recolle que no mes de xuño impartiuse formación específica en prevención da COVID-19 e que entidades e titulares contaron con tempo suficiente para elaborar os plans de continxencia e dotar aos centros de medios. En tanto, o propio persoal asegura que as instalacións non están listas e reclama a  contratación de reforzos